O Pino demostra a súa solidariedade pese a choiva na III Masterclass de zumba a prol de Acem
- Laura Moure

- hace 21 horas
- 2 Min. de lectura
Máis de 50 persoas do Pino e de concellos veciños desafiaron o temporal e acudiron disfrazadas ao pavillón de Lameiro
Laura Moure/O Pino
A III Masterclass Solidaria de Zumba organizada polo Concello do Pino celebrouse este sábado no pavillón de Lameiro nun ambiente marcado pola participación, o compromiso social e o bo humor, a pesar das adversas condicións meteorolóxicas.

Máis de 50 persoas de todas as idades, procedentes tanto do Pino como de concellos da
contorna, responderon á convocatoria e participaron nesta cita solidaria, moitas delas
disfrazadas con motivo do Entroido, enchendo o recinto de ritmo, cor e solidariedade.
Publicidade
O evento contou coa presenza dos concelleiros Borja Castro, José Fuentes e Gerardo Pintor, do técnico municipal de Deportes David Castiñeiras, así como de Fátima Sánchez, presidenta de ACEM Santiago (Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras). O concelleiro de Deportes, Borja Castro, puxo en valor “a implicación das persoas participantes, que non dubidaron en achegarse ao pavillón malia a chuvia, así como a xenerosidade dos monitores e monitoras que colaboraron de xeito altruísta”, destacando tamén o labor esencial que desenvolve ACEM Santiago no apoio ás persoas afectadas por enfermidades neurodexenerativas.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Pola súa banda, Fátima Sánchez sinalou que “coa vosa participación aquí o que estades
facendo é contribuír a que a calidade de vida das persoas afectadas por estas enfermidades sexa un pouquiño mellor”, agradecendo especialmente o apoio do Concello do Pino e a elección da asociación como entidade beneficiaria desta iniciativa solidaria.
Na masterclass participaron de maneira totalmente altruísta Angy, Cris, Ainhoa, Jank, Lena,
Leti, Luis, Nuria e Kathy, que contribuíron a crear unha tarde chea de enerxía, música e
compromiso social.
Publicidade
A totalidade da recadación obtida coa venda de entradas, cun prezo simbólico de 5 euros
para persoas adultas e 2 euros para menores, destinarase a ACEM Santiago, reforzando así o carácter solidario desta actividade.








Comentarios