O piloto palense Luis Vilariño, preparado para o desafío do Rallye da Mariña Lucense
- ecosdacomarca

- hace 2 días
- 2 Min. de lectura
Busca o seu terceiro podio consecutivo no Campionato Galego de Ralis aos mandos do Skoda Fabia R5 Evo
Ecos da Comarca/Palas de Rei
Tras un arranque de tempada impecable, o equipo de Luis Vilariño xa ten todo listo para a oitava edición do Rallye Mariña Lucense, terceira cita do calendario autonómico. Tras os podios logrados no Cocido e Noia, o piloto de Palas de Rei afronta esta carreira coa motivación engadida de correr ante a súa afección e nunha posición de privilexio na clasificación xeral. Vilariño está de segundo no Campionato Galego de Ralis.

PUBLICIDADE
A principal novidade para esta fin de semana, o 8 e 9 de maio, estará dentro do Skoda Fabia R5 Evo, onde Vilariño terá como copiloto a Néstor Casal, con quen xa compartiu habitáculo, o que facilitará a adaptación de ambos. O rali decidirase nun percorrido de algo máis de cen quilómetros cronometrados, divididos en tres tramos a dobre pasada: O Vicedo, Cervo e Xove. Un esquema que non permite erros e onde a precisión será clave para estar na loita pola vitoria.
PUBLICIDADE
"Correr na Mariña sempre é especial e este ano chegamos nun momento doce. O obxectivo é claro: seguir no podio. O noso gran amigo David tivo que facer un parón forzoso no seu calendario deportivo, así que contaremos con Néstor Casal á dereita; é un gran profesional e estou seguro de que nos entenderemos rápido para sacar o máximo partido ao Skoda desde o primeiro tramo xa que habemos competido xuntos no pasado. Con esta proba pechamos o primeiro bloque de tres ralis que nos marcamos para valorar o orzamento da tempada; por iso, volver a casa cun bo resultado é fundamental para asegurar o resto do ano e seguir pelexando por este campionato", sinala Luis Vilariño.








Comentarios