O palense Luis Vilariño entre os favoritos do Rallye San Froilán
- ecosdacomarca
- hace 14 horas
- 2 Min. de lectura
A dupla Vilariño – Míguez tentará loitar polos postos de honra a bordo da súa Skoda Fabia Rally2 Evo na última proba do Campionato Galego de Rallies
Ecos da Comarca/Palas de Rei
O Rallye San Froilán, cita que pechará e decidirá o Campionato Galego de Rallies, celébrase a vindeira fin de semana e o piloto de Palas de Rei, Luis Vilariño, non quería perder a oportunidade de competir na súa proba de casa.
Para esta ocasión, Vilariño volverá poñerse ao volante do seu Škoda Fabia Rally2 Evo, co que hai apenas dúas semanas completou o Rallye Montaña Central, quedándose ás portas do podio tras unha sólida actuación. A proba lucense arrincará este venres, 17 de outubro, coas verificacións técnicas e a cerimonia de saída, mentres que a acción nos tramos disputarase integramente durante a xornada do sábado, 18, con catro especiais a dobre pasada para completar case 450 quilómetros totais, dos cales algo máis de 90 serán cronometrados.

“Tras máis dun ano de parón, fai un par de semanas volvemos subirnos a un vehículo de carreiras para competir. O noso obxectivo sempre foi estar no rallye de casa, o San ç Froilán, para poder facelo diante dos nosos. En Asturias conseguimos quitarnos o óxido e recuperar sensacións, ademais de axustar algúns detalles e reglaxes no noso Škoda Fabia Rally2 Evo. Espero que podamos gozar dunha boa fin de semana de carreiras; parece que competiremos en seco, o que facilitará as cousas en canto a reglajes e elección de pneumáticos", sinala Luis Vilariño.
Publicidade
Ademais, apunta que "será unha fin de semana intensa pola cantidade de quilómetros a percorrer, polo que saber coidar a mecánica será importante para evitar calquera problema que comprometa o noso obxectivo de tentar loitar polos postos de honra. Sabemos que non será tarefa sinxela, xa que moitos rivais chegan con máis ritmo tras competir toda a tempada, pero se facemos as cousas ben, podemos estar preto dos mellores, e iso é exactamente o que imos tentar".