Intentará pelexar pola vitoria dentro da categoría Rally2 co seu Hyundai i20 R5
Laura Moure/Palas de Rei
Cada vez máis adaptados ao Hyundai i20 R5 e co firme obxectivo de seguir progresando para tentar pelexar polo triunfo entre os vehículos da súa categoría, Luís Vilariño, xunto a Enrique Velasco desprazaranse esta fin de semana ata terras pontevedresas para disputar a quinta edición do Rallye de Pontevedra, que contará nesta ocasión con dúas etapas e un total de dez tramos cronometrados.
A cita pontevedresa arrincará o venres cunha especial en Sanxenxo, mentres que o sábado os equipos enfrontaranse a tres tramos a triplo pasada, o que fará que as suciedades e as probabilidades de sufrir unha picada aumenten nas terceiras e últimas pasadas, algo que sempre acaba deparando sorpresas na clasificación xeral.
O propio Luís Vilariño comentaba o seu obxectivo para esta fin de semana: “Parece que aos poucos imos conseguindo achegarnos aos tempos de cabeza da nosa categoría, na última proba acabamos bastante satisfeitos co noso ritmo final de carreira. Así que imos tentar manter esas sensacións positivas e aproveitar a información que fomos recompilando e aplicando para ver se somos capaces de meternos na loita pola vitoria. Vai ser unha tarefa complicada, xa que para nós o percorrido será novo, pero temos confianza en que podemos facer un bo papel. Ademais, o esquema de tres pasadas sempre che obriga a estar moi concentrado, sobre todo nas últimas pasadas nas que haberá máis sucidade e onde é máis fácil que un erro príveche dun bo resultado", sinala o palense.
"Esperamos poder gozar doutra boa fin de semana co noso Hyundai i20 R5, no que seguimos engadindo algunhas melloras, que nos axudarán a aumentar o xa de por si gran rendemento que estamos a ter, grazas sobre todo á súa fiabilidade e boas prestacións".
Comentários