O BNG agradece os apoios de Alternativa por Arzúa e PSOE
PLENO DE INVESTIDURA. ELECCIÓNS MUNICIPAIS 2023
Laura Moure/Arzúa
Despois o pleno de investidura na mañá de hoxe en Arzúa, o BNG congratúlase de que Arzúa volva ter un alcalde nacionalista e agradeceu os apoios de Alternativa por Arzúa e PSOE.
Desde o BNG sinalaron que “desde as pasadas eleccións municipais do 28 de maio, e a tenor dos resultados saídos das urnas, desde as tres forzas políticas, comezouse cun período de negociacións que sempre estivo guiado polo obxectivo de garantir a estabilidade e a gobernabilidade de Arzúa a través do diálogo.”
No seu discurso de investidura, o alcalde electo, Xoán Xesús Carril, afirmou que “o goberno municipal que hoxe enceta o seu camiño vai ser un goberno para todas as veciñas e veciños de Arzúa, sen distincións” ao tempo que indicou que “estamos aquí para traballar sen descanso polo benestar da veciñanza de Arzúa, porque queremos unha vida digna para todos e todas”.
Declaracións do resto de partidos
"Desde Alternativa por Arzúa investimos a Xoán Xesús Carril, do BNG, porque cremos que era a mellor opción nesta situación. Continuamos nas negociacións para conformar un posible goberno plural e responsable para a veciñanza de Arzúa", dixo Alternativa por Arzúa
Dende hoxe,en Arzúa temos un novo Alcalde,Xoán Xesús Carril. Cos votos da izda, o 60% e por responsabilidade, imos facer que Arzúa siga avanzando e progresando. Seguimos ata o pleno de organización, negociando ó mellor goberno para os próximos catro anos", sinala o PSOE
"Agradecido polo apoio innumerable que recibín como candidato á Alcaldía de Arzúa. Tanto de compañeiros de partido, como Cristina Castro Pampín, Jesús Gómez Camino, todos os que estiveron con nós dende o 2019, os novos desta candidatura, amigos, familiares e veciños, mesmo doutras siglas diferentes ás do Partido Popular. Seguirei traballando para acadar a alcaldía. Faltou pouco, e na seguinte, aí estaremos", recalca o popular Rafael Rivadulla
NOTICIAS RELACIONADAS:
Resultados das eleccións: https://www.ecosdacomarca.com/post/resultados-das-elecci%C3%B3ns-en-arz%C3%BAa
Candidaturas presentadas: https://www.ecosdacomarca.com/post/catro-candidaturas-optan-a-ganar-a-alcald%C3%ADa-de-arz%C3%BAa