top of page

O Multiusos Terra do Queixo acolle unha gran exposición sobre as paisaxes do Camiño de Santiago

Laura Moure/Arzúa

O Multiusos Terra do Queixo de Arzúa é o escenario, dende o xoves, dunha gran exposición sobre as paisaxes do Camiño de Santiago no primeiro andar do Multiusos Terra do Queixo. Baixo o título Diálogos das micro e macro paisaxes nos Camiños de Santiago por Galicia é unha iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Cartografía a través do Programa O Teu Xacobeo coa colaboración da Fundación Galicia Sustentable. A mostra permanecerá en Arzúa ata o 12 de agosto en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 19 horas de luns a venres. Tamén abriu este domingo en horario de mañá coincidindo coa feira quincenal.

A iniciativa artéllase en torno a varias accións que pretenden valorizar e dar a coñecer o patrimonio tanto natural coma cultural do entorno de cinco dos Camiños de Santiago: Vía da Prata, Camiño Primitivo, Camiño Inglés, Camiño Portugués pola costa e Muxía-Fisterra. Na exposición poderanse ver vídeos e fotografías «a vista de dron» sobre o patrimonio natural e cultural dos camiños e, paralelamente, as texturas que conforman as grandes paisaxes mediante fotografías de detalle, tal e como informa o departamento de Cultura do Concello de Arzúa. "Son fotografías onde os obxectos se mostran tan grandes que se aprecian cousas que non se poderían ver a simple vista".

A mostra estará acompañada dunha publicación enriquecida con textos elaborados en exclusiva por autores noveles galegos e de contido multimedia incorporado a unha plataforma web que permitirá acceder dun xeito sinxelo, interactivo e intuitivo a todos os contidos.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page