O Movemento Veciñal de Touro organiza unha visita o día 17 de setembro
Será ao centro de transformación de produtos agrarios de Brión e á feira labrega
Laura Moure/Touro
O sábado 17 de setembro o Movemento Veciñal de Touro organiza unha visita ao centro de transformación de produtos agrarios de Brión e á feira labrega.

A finalidade da visita é coñecer como funciona "o novedoso centro de transformación (o xeito de comercialización, utilización, rexistro sanitario para que a veciñanza poida vender, instalacións, matadoiro móbil...) para tomar nota e poder implementalo en Touro na lexislatura 2023/2027 no caso de gobernar, unha aposta que xa contemplaba o noso programa electoral no ano 2019", recalca a formación política.
Este tipo de centros, explica, permiten que tanto os emprendedores como pequenos produtores, e mesmo veciñanza que teña excedentes da súa produción, poidan comercializar o produto de acordo coa lexislación ao operar baixo un rexistro sanitario unificado. "Tamén ofrecen unhas instalacións con maquinaria que permiten o envasado e a transformación dos alimentos".
Así mesmo, a visita coincide ca feira labrega na carballeira de Brión. "Polo que aproveitaremos para visitala e para xantar alí. É preciso anotarse contactando con algunha das persoas que forma parte das listas do Movemento Veciñal ou a través das redes sociais do colectivo. Esta é a segunda saída que facemos. A primeira tivo lugar en Manzaneda para coñecer a cooperativa de castaña Amarelante Sociedade Cooperativa Galega e foi un éxito, tanto en participación como en resultados xa que algunhas persoas que participaron na mesma logo apostaron pola plantación de castiñeiros no noso concello", resalta.








Comentarios