O mosteiro de Sobrado, entre os bens do Camiño de Santiago que acollerá novas actuacións de mellora
O Consello da Xunta avalía un informe onde se recollen máis de 40 intervencións en elementos vencellados cos Camiños de Santiago, que suman un investimento de máis 17,2 M € no trienio 2025-2027
Laura Moure/Sobrado dos Monxes
A Xunta de Galicia ten prevista para os vindeiros meses unha decena de actuacións destinadas á mellora de bens patrimoniais vencellados ás distintas rutas xacobeas por valor de case 4,4 M €. Así se desprende do informe avaliado onte no Consello en que se dá conta das intervencións realizadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para conservar e pór en valor os monumentos do Camiño, un labor en que leva investido desde 2025 preto de 13 M €.

Así, as próximas iniciativas, que abranguen bens inmobles como catedrais, conxuntos monásticos, santuarios, igrexas, complexos parroquiais, murallas ou pontes, ademais de bens artísticos como pinturas ou retablos, súmanse aos 16 proxectos xa finalizados e ás 17 actuacións que están actualmente en marcha, que alcanzan un orzamento total neste trienio 2025-2027 de máis de 17,2 M €.
Con esta programación o Goberno galego mostra o seu compromiso coa preservación dos bens que forman parte dos camiños de Santiago, un dos principais referentes da identidade cultural de Galicia, constituíndo un patrimonio de excepcional capacidade para proxectar a Comunidade no conxunto de España, de Europa e do mundo.
PUBLICIDADE
Deste xeito, desde a Xunta considérase de especial relevancia velar polos monumentos das rutas xacobeas máis alá da propia peregrinación e sentido relixioso, atendendo así a unha realidade histórica, cultural e territorial en que se integran arquitectura, arte, arqueoloxía, patrimonio etnolóxico e inmaterial, paisaxe, memoria colectiva e formas de relación entre as persoas. Neste senso, trátase dunha planificación que inclúe intervencións en bens inmobles e en pezas artísticas, que responde así a unha visión integrada, de maneira que non se trata de intervir sobre elementos illados, senón de preservar e reforzar os valores dun patrimonio complexo que mantén unha estreita relación co territorio e coas comunidades que o habitan. Protexer estes bens e as súas contornas contribúe tamén a manter a calidade das paisaxes culturais de Galicia e a facer visible a continuidade histórica que caracteriza os distintos itinerarios xacobeos.
Proxectos en todos os camiños
No seu conxunto, as intervencións xa realizadas, as que están en execución e as que están planificadas integran traballos vencellados á conservación, restauración, protección, coñecemento, accesibilidade e posta en valor en elementos de todas as rutas.
Así, para os vindeiros meses están previstas actuacións de mellora no mosteiro das Clarisas de Monforte de Lemos, no Camiño de Inverno; na Catedral de Lugo, no mosteiro de Sobrado, na Catedral de Mondoñedo e no mosteiro de San Salvador de Lourenzá, no Camiño do Norte, así como no mosteiro da Visitación das Salesas de Vigo e na Catedral de Tui, no Camiño Portugués.
PUBLICIDADE
Ademais, entre os proxectos desenvolvidos cómpre destacar a restauración e conservación da muralla de Lugo (Camiño do Norte); as obras de rehabilitación do Santuario da Peregrina, en Pontevedra, ou da Catedral de Tui (Camiño Portugués), e as realizadas na Nosa Señora a Antiga, en Monforte de Lemos (Camiño de Inverno).
Pola súa banda, un exemplo dalgunhas das intervencións que están en execución son a restauración da Capela de San Lázaro, en Sarria (Camiño Francés), ou os traballos na catedral de Ourense (Vía da Prata), aos cales se suman o Santuario da Virxe da Barca, en Muxía (Camiño de Fisterra-Muxía), e a Capela da Venerable Orde Terceira da Coruña (Camiño Inglés).









Comentarios