O Magreco, en Boimorto, acolle 40 firmas comerciais e 60 postos do mercado tradicional
- Laura Moure

- 29 mar
- 3 min de lectura
Hoxe, domingo, celébrase outro dos grandes atractivos de Magreco, a poxa de xovencas frisoas e rubias a partir do mediodía
Laura Moure/Boimorto
"O éxito desta feira é de toda a familia Magreco, dos expositores de maquinaria, dos de produtos ecolóxicos e artesáns, de Africor, de Acruga, dos nenos e nenas de Boimorto, que son o futuro do campo”, asegurou este sábado a alcaldesa de Boimorto, Chus Novo, durante a inauguración dun evento que ampliou en mil metros cadrados a superficie de exposición ata chegar a hectárea e media.

Milleiros de persoas achegáronse ata Magreco para ver o mellor da maquinaria agrícola, forestal e de xardín que expoñen 40 firmas comerciais, e visitar os 60 postos do mercado
tradicional. Mañá, domingo, tamén se espera que a poxa de 16 xovencas frisoas volva
xuntar milleiros de persoas.
Alumnado do CPI Armando Cotarelo Valledor aseguraron na inauguración que a feira Magreco “é un evento familiar, onde se recoñece o traballo da xente do campo e onde se
valoran os produtos da nosa terra”. Aroa Somoza, Noa Saa, Noa Pérez, Mateo Carnota,
Suhaila Sánchez e Erika Montero (de 5º e 6º de primaria) lembraron na súa intervención a
historia de Boimorto e de Magreco, converténdose tamén en protagonistas da inauguración oficial da feira. “Sodes o motivo polo que facemos todo isto. Sodes o relevo e a proba de que o noso rural ten moito futuro”, díxolles a alcaldesa no seu dircurso.
PUBLICIDADE

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, resaltou o importante papel que desenvolven a tecnoloxía e a mecanización no agro. Destacou que estas ferramentas contribúen a mellorar o traballo no campo e potencian a produtividade e competitividade das explotacións agrogandeiras, que son un referente a nivel europeo. Por outra banda, definiu este evento como un punto de encontro para o sector agropecuario galego, no que “aprender e compartir experiencias”.
María José Gómez fixo unha mención especial aos alumnos do CPI Armando Cotarelo Valledor de Boimorto, asegurando que se trata dun centro “comprometido” que educa “ás futuras xeracións do rural”. Invitou así aos alumnos e alumnas do CPI a apostar polo rural como o seu modo de vida.
Os nenos e nenas do CPI recordaron na súa intervención como Magreco nacía en 2012 como unha pequena exposición de maquinaria agrícola. Ao ano seguinte incorporáronse os produtos ecolóxicos e artesán, e nas seguintes edicións outros atractivos. “No Magreco atoparedes unha gran variedade de maquinaria coa que se prepara a terra, sementa, coidan os cultivos e se recollen as colleitas”, ademais de queixos, mel, pezas de madeira e outros produtos, detallou o alumnado na súa intervención.
Ademais de agradecer a participación do alumnado, a rexedora quixo este ano resaltar a implicación de todas as persoas e sectores que fan de Magreco xunten en Boimorto “ao motor da Galicia agraria. Somos un referente en toda Galicia grazas a todos e todas vos”.
Os 40 expositores de maquinaria amosan “o mellorciño en tractores, apeiros e maquinaria
forestal. O motor de Galicia cítase en Boimorto”, afirmou a alcaldesa. Durante a visita a exposición de maquinaria, a comitiva oficial comprobou que algúns dos tractores expostos
en Boimorto superar o medio millón de euros
Publicidade
No seu discurso, Novo tamén tivo palabras de agradecemento para Acruga e Africor, por organizar a poxa de xovencas; e para as persoas que participan no mercado de alimentación e artesanía, no que este ano participan preto de sesenta expositores. A inauguración de Magreco tamén asistiron a xefa territorial da Consellería do Medio Rural,
Nieves Mancebo; os alcaldes de Oroso, Vilasantar, Mesía e Arzúa, ademais de concelleiros do Pino, Arzúa e Melide.
Exhibición de doma de cabalos galegos
Ademais da exhibición en vivo de talla de madeira con motoserra que ofrece Eugenio Liñares durante toda a fin de semana, unha das novidades da presente edición de Magreco foi a exhibición de doma de cabalos galegos, ofrecida este tarde pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego e que sorprendeu ao público presente.
Hoxe, domingo, celébrase outro dos grandes atractivos de Magreco, a poxa de xovencas frisoas e rubias a partir do mediodía. Nesta edición, 8 granxas da contorna de Boimorto aportan 16 novillas frisoas para a poxa, trece delas xa paridas e dando leite, e outras tres
que están a punto de parir. Ademais, tamén se poderá puxar por tres novillas rubias. Estes animais xa se puideron ver onte na exposición de gando situada na propia carpa da
poxa. As asociacións de gandeiros Africor, que coordinará a poxa dos exemplares de raza
frisoa, e Acruga, que supervisará a de rubia galega, garantirán que os animais presenten
unha calidade xenealóxica e sanitaria excepcional para satisfacer aos gandeiros que queren mellorar as súas explotacións.
Ao rematar a poxa, sortearase entre os asistentes 200 euros para gastar en Botica do Campo, outros 200 para gastar en Aira e tamén un lote de produtos da feira.







Comentarios