top of page

O IES Marco do Camballón concentrarase todos os martes para reclamar profesorado de Latín e Grego

hace 8 minutos
3 min de lectura

Laura Moure/Vila de Cruces

O alumnado e profesrado de 2º de Bacharelato do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces concentrouse este martes diante do instituto para reclamar a incorporación de profesorado de Latín e Grego. A protesta forma parte dunha serie de mobilizacións que, segundo anunciou a comunidade educativa, se repetirán todos os martes ata conseguir unha solución.


Baixo o lema «En defensa do Bacharelato nas Cruces. Profe de Latín e Grego xa!», o alumnado reclama á Xunta de Galicia que garanta a impartición presencial destas materias, que actualmente deben cursar a distancia ante a falta de docente especialista no centro.

As estudantes afectadas consideran que a alternativa ofrecida non garante unhas condicións de aprendizaxe equitativas, xa que deben seguir as clases en liña e desprazarse ata Santiago de Compostela para realizar os exames. "Non contamos cun profesor ou profesora de Latín e Grego para poder cursar estas materias de forma presencial", explica Sarai Varela, unha das alumnas afectadas, que considera que esta situación supón unha desvantaxe para quen escolleu a modalidade de Humanidades.


As familias tamén amosan a súa preocupación pola falta de solucións. Begoña Louzao, nai dunha das estudantes, asegura que o curso comezou coa praza de Latín e Grego nas listas de substitucións, pero que non se enviou ningún docente para impartir as materias. "As rapazas séntense moi perdidas e nós sentimos que están xogando co seu futuro", afirma.


Pola súa banda, Cintia Mato, outra das alumnas, recoñece sentirse desamparada ante unha situación que, segundo denuncia, dificulta o seguimento do curso. As familias e o alumnado tamén cuestionan o funcionamento das aulas en liña, ao considerar que non permiten resolver as dúbidas nin recibir as explicacións necesarias.


Medo polo futuro do Bacharelato

A reivindicación vai máis alá da incorporación dun docente. Mari Carmen Silva, presidenta da ANPA, advirte do temor a que a falta de presencialidade destas materias sexa o primeiro paso cara á desaparición do Bacharelato no municipio. Por iso, chama a veciñanza a sumarse ás mobilizacións para defender a educación pública no rural.


O IES Marco do Camballón conta con preto de 180 alumnos e alumnas que cursan ESO, Bacharelato e os ciclos formativos de Soldadura e Caldeiraría e de Atención a Persoas en Situación de Dependencia. Vila de Cruces, cunha poboación aproximada de 4.900 habitantes, perdeu case a metade do alumnado do centro nos últimos vinte anos, segundo os datos achegados pola comunidade educativa.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Neste contexto, alumnado, familias, profesorado e outros axentes sociais están a celebrar asembleas semanais para coordinar as accións de protesta. O seu obxectivo prioritario é recuperar as clases presenciais de Latín e Grego e defender a calidade do ensino no municipio.


Un problema que afecta outros centros galegos

A situación do IES Marco do Camballón enmárcase nunha problemática máis ampla relacionada coa docencia das linguas clásicas en Galicia. A plataforma Clásicas en Pé reclamou recentemente que se garanta o ensino presencial destas materias para o alumnado que carece de profesorado especialista.


Segundo os datos trasladados pola plataforma, hai estudantes que seguen as clases a distancia malia existir profesorado de Latín ou Grego contratado a xornada completa noutros centros. O colectivo pide recuperar a presencialidade nos institutos afectados e garantir a docencia tamén nas comarcas rurais mediante fórmulas como as medias xornadas ou as itinerancias coordinadas. “Descubrimos que en 47 institutos da Galiza hai alumnado que recibe clases a distancia malia ter profesores de clásicas contratados a xornada completa”, lamenta Adelia Troncoso, portavoz da Plataforma.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Para o alumnado do Camballón, a reivindicación é tamén unha defensa do dereito a elixir os seus estudos sen ter que renunciar a oportunidades polo feito de vivir nun concello rural. "Queremos que cada quen escolla o que queira estudar. Queremos un mestre de Latín e Grego e ter todas as oportunidades que ten toda a xente da nosa idade na Galiza", reivindican as estudantes de segundo de Bacharelato, que aseguran que continuarán mobilizándose para defender o seu centro e as xeracións que veñan detrás. Esta experiencia está a ser unha lección sobre a realidade social no Camballón". Segundo unha das alumnas de 2º de Bacharelato, “esta situación evidencia a hipocresía dalgunha das nosas institucións xa que, se tanto lles preocupa o despoboamento do rural, como é que están a aplicar medidas que o perxudican?”


Como explica Sarai Varela “todo custa traballo, hai que esforzarse. No noso centro queremos médicas, cociñeiros, agricultores… Queremos poetas, xornalistas, actores…. Queremos que cada quen escolla o que queira estudar. Queremos un mestre de Latín e Grego e ter todas as oportunidades que ten toda a xente da nosa idade na Galiza. Porque este é o noso centro e temos que loitar por el".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page