top of page

O IES de Arzúa celebra os Erasmus Days

18 oct 2024
2 min de lectura

Teñen lugar ao mesmo tempo en milleiros de centros por toda Europa


Laura Moure/Arzúa

O IES de Arzúa celebra onte e hoxe os Erasmus Days, xunto con a milleiros de centros de toda Europa, como se pode ver no seguinte enlace https://www.erasmusdays.eu/events/ .

O IES de Arzúa é unha escola acreditada Erasmus+ desde 2022, acreditación concedida até 2027. O instituto ten na actualidade varios programas Erasmus, un de ensino regular KA121 e outro de ensino profesional KA121VET.


Desde o IES explican que o Erasmus “é un piar fundamental da nosa escola, xa que non é só un proxecto de excelencia educativa, senón que se enmarca dentro do noso plan de internacionalización que pretende que o noso alumnado obteña oportunidades de formación inesquecíbeis alén das portas do instituto”.

O Erasmus ten por obxectivo a promoción dos valores de convivencia e solidariedade da UE a través da educación. O proxecto Erasmus+ de ensino regular do IES de Arzúa, que leva o nome de "Camiños de Europa", promove o intercambio de experiencias educativas tanto para alumnado como para profesorado.


Todas as actividades buscan promover e fortalecer uns valores fundamentais, tales como, a inclusión e a diversidade, a concienciación cultural e patrimonial, o desenvolvemento das habilidades lingüísticas, a protección e concienciación ambiental e a alfabetización dixital.


Boas experiencias

O ano pasado o proxecto de ensino regular KA121 mobilizou un total de 23 alumnos e alumnas en diferentes tipos de mobilidade con escolas de Chequia, Italia, Portugal e Francia. Ademais, un total de 10 profesores e profesoras fixeron mobilidades de formación de diferente índole en Portugal, Francia, Chequia e Malta.


Traballando no futuro

Este ano, preparan unha mobilidade grupal, con alumnado de 3º e 4º de ESO, a unha escola secundaria de Angra do Heroísmo (Azores, Portugal) e tamén teñen previsto mobilidades de alumnado grupal e individual con escolas de Países Baixos, Noruega e Francia. Así mesmo, organizarán experiencias de observación e formación en escolas estranxeiras para profesorado.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Por outra banda dous expertos visitarán o centro co obxectivo de organizar obradoiros e charlas que traballen polo miúdo os valores do programa. O ano pasado, tamén mobilizaron un pequeno grupo de alumnado de Formación Profesional de grao básico e medio e conseguiron que fixesen as súas prácticas en varios países estranxeiros (Portugal, Chequia e Italia).


A intención é “pór a Arzúa no mapa dos Erasmus e da Unión Europea e difundir o programa, non só na comunidade educativa, senón tamén en toda a vila de Arzúa. Pensamos que abrir as mentes do alumnado e garantir un ensino de calidade con mentalidade galega e internacional ten un impacto positivo non só no noso centro, senón en toda a sociedade arzuá e, por extensión, en toda Galiza”, indica o centro.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page