O fútbol base feminino disputa as súas finais en Arzúa este sábado
- Laura Moure
- hace 4 días
- 1 Min. de lectura
Laura Moure/Arzúa
Campo Municipal de O Viso, en Arzúa, será este sábado 31 de maio o escenario das finais das Ligas Galegas Femininas de fútbol nas categorías alevín e cadete. Ao longo da xornada, oito equipos de distintos puntos do país competirán polo título nun evento que pon sobre o terreo de xogo a calidade técnica e o compromiso cos valores deportivos das novas xeracións de futbolistas galegas.

O alcalde e concelleiro de Deportes, Xoán Xesús Carril, agradeceu a escolla do municipio como sede por parte da Real Federación Galega de Fútbol, da Xunta de Galicia e do CSD Arzúa: “Desde o Concello de Arzúa queremos agradecer que se confiara no noso concello para acoller estas finais. É unha honra recibir no noso campo xogadoras que representan o mellor do fútbol galego actual”.
“Durante moito tempo, o fútbol feminino foi tratado como un deporte de segunda. Mais cada vez que se celebra unha competición coma esta, demóstrase que iso é rotundamente falso. Aquí hai talento, calidade, entrega e espectáculo”. “O Concello de Arzúa sempre estará dispoñible e aberto para colaborar na promoción de eventos que contribúan a darlle ao fútbol feminino o recoñecemento deportivo, social e institucional que merece”.
Publicidade
As semifinais alevíns terán lugar pola mañá, coas participacións de SCD Pastoriza, Arcadia EF, Lóstrego CF e Victoria CF. Xa pola tarde celebraranse a final Prata cadete (Racing Club Ferrol - Atlético Villalonga F.F.) e a final Ouro entre Orzán SD e RC Celta “As Celtas”.
Desde o Concello fan un chamamento á veciñanza para asistir e acompañar esta xornada que se espera sexa un grande espectáculo deportivo.
Comments