O Entroido de Arzúa reforzase con dúas citas impulsadas por Frela Entroideira
- Laura Moure

- 29 ene
- 2 Min. de lectura
Conta co apoio das concellerías de Turismo e Cultura e celebrarase o Xoves de Comadres e a 2ª Frela Entroideira
Laura Moure/Arzúa
O Entroido volverá ter un protagonismo especial en Arzúa coas dúas citas organizadas polo colectivo veciñal Frela Entroideira, unha iniciativa nacida do compromiso e da implicación da veciñanza, que conta co respaldo do Concello de Arzúa. As actividades desenvolveranse os días xoves 12 de febreiro, coincidindo co Xoves de Comadres, e sábado 14 de febreiro, coa celebración da 2ª Frela Entroideira, dúas xornadas pensadas para reforzar o ambiente festivo e a convivencia arredor do Entroido arzuán.

Un colectivo veciñal implicado co Entroido
Frela Entroideira está formado por catro veciños e veciñas de Arzúa que viven o Entroido con especial implicación e ilusión, e que decidiron dar un paso adiante para dinamizar a festa desde a participación cidadá. O colectivo está integrado por Eva Rodríguez, policía local; Susana Veiga, da perruquería Su &Su; Ana García, de Arzugráfica; e Manolo Vázquez, cuponeiro de Arzúa. Desde esta iniciativa veciñal impulsan propostas abertas, participativas e pensadas para todos os públicos, co obxectivo de sumar ambiente, tradición e convivencia durante o Entroido.
Xoves de Comadres, o 12 de febreiro
A primeira das citas terá lugar o xoves 12 de febreiro, coa celebración do Xoves de Comadres, cunha xuntanza no Bar Praza ás 21.00 horas, que estará amenizada pola
charanga Santa Compaña.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Esta actividade conta co respaldo da Concellería de Turismo, dirixida por Begoña Balado, que asumirá a animación musical da xornada. Desde a organización poranse á disposición das persoas participantes kits de comadre, cun prezo de 3 euros, e recoméndase acudir disfrazadas ou vestidas de negro e con moita frela.
2ª Frela Entroideira, o 14 de febreiro
O Entroido continuará o sábado 14 de febreiro coa celebración da 2ª Frela Entroideira, unha xornada festiva que incluirá vermú polos bares e rúas da vila, con animación musical, así como un xantar de cocido, tardeo e baile de Entroido co Dúo Calibre.
Publicidade
O xantar terá lugar ás 15:00 horas no Multiusos Terra do Queixo. As entradas poden adquirirse na Administración de Loterías Rei Midas e a través dos membros da organización, cun prezo de 13 euros para nenos e nenas e 32 euros para adultos. A animación musical desta xornada será asumida pola Concellería de Cultura, que dirixe José Luis García, reforzando o apoio municipal a unha cita que combina tradición, música e convivencia.
Apoio municipal ás iniciativas veciñais
A concelleira de Turismo, Begoña Balado, destacou que «é unha satisfacción apoiar iniciativas que nacen da veciñanza e que contribúen a manter viva e a reforzar a
tradición do Entroido en Arzúa».
Publicidade
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, José Luis García, sinalou que «propostas como as impulsadas por Frela Entroideira amosan o valor do compromiso veciñal e contribúen a ampliar a programación do Entroido, favorecendo a participación e a convivencia».
Estas dúas citas promovidas por Frela Entroideira súmanse á ampla programación de Entroido que impulsa a Concellería de Cultura do Concello de Arzúa, cun calendario de actividades pensado para favorecer a participación veciñal e dinamizar a celebración ao longo dos vindeiros días.








Comentarios