top of page

O Entroido de Arzúa arrancará o 12 e inclúe cinco días de actividades variadas

5 feb 2022
2 min de lectura

A programación está composta por un obradoiro de iniciación á batucada, un concurso de disfraces, música, contacontos, inchables e un espectáculo circense


Laura Moure/Arzúa

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para o Entroido cinco días de actividades que darán comezo o sábado 12 e incluirá distintas actividades: un obradoiro de iniciación á batucada, un concurso de disfraces, música, contacontos, inchables e un espectáculo circense.


Así arranca o día 12 cun obradoiro de iniciación á batucada. Esta actividade formativa de percusión para nenas, nenos, mozas e mozos é totalmente de balde e celebrarase no primeiro andar do Multiusos Terra do Queixo ás 17:00 para nenas e nenos de 8 a 14 anos e ás 18:30 para persoas de 15 anos en diante. As prazas son limitadas e as inscricións están

abertas no Departamento de Cultura ou chamando ao 981 500 222.


O domingo 20, como xa se anunciara, Arzúa acollerá desde as cinco da tarde o Concurso de Disfraces no Multiusos Terra do Queixo onde se desenvolverán as actuacións dos participantes e se fará a entrega dos premios que superan os dous mil euros repartidos entre as categorías de comparsas, grupos, individual infantil e individual adulto.

Como novidade, para dar debido cumprimento das medidas sanitarias, o concurso celebrarase co público sentado e cos concursantes facendo a súa intervención sobre escenario nunha gala que estará presentada polo humorista arzuán Xan Veiga. A apertura de portas farase unha hora antes do inicio.


As actividades continúan o domingo de Entroido, 27 de febreiro, co grupo de gaitas O Bringuelo que animará coa súa música as rúas da vila de doce a dúas do mediodía.

Na xornada do luns 28 terá lugar o contacontos musicado O son que me arroupa a cargo da Asociación Antonio Gandoy. Unha proposta teatral e musical para público infantil e familiar, que presenta as pezas do traxe tradicional feminino a través de fragmentos de cantigas tradicionais. A función terá lugar ás seis da tarde no primeiro andar do Multiusos Terra do Queixo.


A programación complétase na tarde do martes de Entroido, o día 1 de marzo, cunha festa de inchables en horario de 16:00 a 19:00 e, a continuación, levarase a cabo unha actuación para toda a familia a cargo de Circus Maginifucus cunha combinación de teatro, acrobacias, malabares, clown e moitas risas. Estas actividades realizaranse na Praza de Galiza ou, en caso de mal tempo, no Pavillón Polideportivo de O Viso.


NOTICIA RELACIONADA:

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page