top of page

O Consello Regular da DOP Arzúa-Ulloa manifesta a súa preocupación polo posible impacto da factoría de Altri

Ecos da Comarca/Arzúa/Ulloa

O Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa quere manifestar publicamente a súa preocupación polo posible impacto que a futura celulosa de Altri-Greenfiber poida chegar a ter no seu territorio. Os Consellos Reguladores teñen unha obriga legal de velar polo prestixio das denominacións de calidade e polo desenvolvemento sustentable da zona de produción, polo que o CRDOP Arzúa-Ulloa estima que debe aportar as súas consideracións.


"Aínda que non se cuestiona que se vaia cumprir toda a lexislación aplicable, a información cambiante sobre o proxecto dende a súa presentación inicial, e mesmo nas últimas semanas, causa dúbidas razoables sobre varios aspectos que poden influír no sector agrogandeiro da contorna e, polo tanto, na denominación de orixe protexida", sinalan.


Publicidade

"Máis aló do xa manifestado por diversos colectivos sobre aspectos coma o excesivo consumo de auga, o impacto sobre a fauna e flora locais ou sobre o propio Camiño Francés, a preocupación directa do Consello Regulador pode resumirse en dous puntos: o máis que posible incremento da forestación de terras agrarias e a contaminación das augas e do aire. O cultivo actual de eucalipto en Galicia non é abondo para o abastecemento de dúas celulosas. Dado que o proxecto de Altri foi cualificado coma “estratéxico”, podería haber un risco real de que se permita nun futuro próximo a forestación de terras que actualmente producen pastos para as vacas das explotacións leiteiras".



Publicidade

Agravaríase, resaltan, "así o problema da pouca base territorial das gandeirías, o que repercutiría negativamente na necesidade de produción de forraxes e do propio pastoreo das vacas que producen o leite co que se elabora o queixo DOP Arzúa-Ulloa. Con respecto á posible contaminación, e máis aló dos cálculos xa coñecidos sobre o impacto nas augas e no río Ulla, hai preocupación pola repercusión na atmosfera. O propio proxecto publicado fala de que se van emitir ao aire, entre outros contaminantes, óxidos de xofre, os cales son produtores de chuvia ácida cando se combinan coa humidade do aire. É evidente que iso vai afectar aos cultivos da contorna, tanto os da alimentación humana coma a dos animais de granxa, o que tamén está relacionado co punto anterior".


Por todo o exposto, resaltan, "desexamos deixar constancia da nosa preocupación pola repercusión que este proxecto poida ter sobre a produción de leite no territorio da DOP".



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page