top of page

O conselleiro de Cultura visita a intervención que se está facendo na igrexa de Vilanova de Dozón

“A día de hoxe xa está executado o 50% das actuacións contempladas, polo que mantemos a previsión de que estean concluídas no mes de novembro”, sinala


Laura Moure/Dozón

A Xunta de Galicia está a aproveitar a época estival para impulsar as obras de restauración dos distintos bens patrimoniais repartidos por toda a xeografía galega e, deste xeito, poñer en valor o legado histórico que conforman monumentos como xacementos, igrexas, pontes, torres ou mosteiros. Dentro desta aposta pola recuperación patrimonial atópase a intervención que se está levando a cabo na igrexa de San Pedro de Vilanova de Dozón, que hoxe visitou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, xunto aos técnicos encargados do proxecto.

As obras, segundo explicou o titular de Cultura do Goberno galego, están avanzando a bo ritmo e, de feito, “a día de hoxe xa está executado o 50% das actuacións contempladas, polo que mantemos a previsión de que estean concluídas no mes de novembro”. Román Rodríguez explicou que esta intervención en Dozón é unha das moitas de carácter patrimonial que están a recibir un forte impulso nestes meses de verán por parte do Executivo autonómico.

Acabar cos problemas de humidade

Neste caso, os traballos impulsados pola Xunta de Galicia están enfocados a poñer en valor o templo románico de San Pedro de Vilanova de Dozón, fundado no século XII como mosteiro de monxas bieitas e que no ano 1499 se converteu en igrexa dependente de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela. Román Rodríguez subliñou que estas obras permitirán, así mesmo, “resolver os problemas de humidade que afecta ao templo, especialmente ás zonas sur e norte”.

Nestes momentos están rematadas as intervencións nas fachadas (coa limpeza das pezas de cantería históricas, eliminación da vexetación, picado de xuntas, rexuntado de muros, limpeza e restauración de portadas e outros elementos pétreos escultóricos e tratamento e pintado da carpintaría de madeira) e nas cubertas (coa cubrición con tella cerámica curva existente e instalación de nova cuberta de tella curva ventilada).

Agora os traballos céntranse na pavimentación da contorna exterior con acabados pétreos e acondicionamento dos muros exteriores no adro (limpeza, rexuntado e reconstrución do muro de mampostería e colocación e pintado de cancela), así como a canalización de pluviais e drenaxes.

Nova actuación no retablo

A estas actuacións en marcha, que contan cun orzamento de 261.360 euros, hai que engadir unha intervención no retablo maior, para o cal a Consellería está nestes momentos redactando o proxecto de intervención co fin de iniciar canto antes os traballos, que se desenvolverán de xeito paralelo aos actualmente en marcha.

Tal e como explicou, está previsto aplicar un tratamento de conservación do retablo maior e da fronte do altar da igrexa do mosteiro co obxecto de recuperar a súa estabilidade. O investimento estimado desta actuación, que se prevé que estea concluída entre novembro e decembro, é de 17.250 euros, polo que o investimento total da Xunta de Galicia neste mosteiro vai acadar os preto de 279.000.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page