O Concello do Pino reordena o tráfico no Pedrouzo polo inicio das obras de humanización
- Laura Moure

- hace 13 horas
- 2 Min. de lectura
As rúas Mollados e Forcarei quedan pechadas ao tráfico xeral, permitindo unicamente o acceso a residentes, aos servizos e á escola infantil A Galiña Azul
Laura Moure/O Pino
O núcleo urbano do Pedrouzo, no Pino, iniciou unha ambiciosa transformación co arranque das obras de humanización das rúas Forcarei e Os Mollados. Esta actuación, estratéxica para o municipio e para o Camiño de Santiago, obriga a unha reordenación inmediata do tráficopara garantir a seguridade dos peóns e a operatividade da maquinaria, mentres duren as obras.

O Concello activa dende este mércores, 22 de abril, un plan especial de tráfico que implica asseguintes modificacións:
• Peche total na rúa dos Mollados e de Forcarei: ambas as dúas rúas quedan cortadas á
circulación xeral. O acceso estará restrinxido exclusivamente a residentes para a entrada
aos seus garaxes e a vehículos de servizo para realizar tarefas de carga e descarga nos
locais comerciais e establecementos hostaleiros da zona. Tamén se permitirá o acceso á
escola infantil A Galiña Azul para deixar e recoller as crianzas.
• Cambio de sentido na rúa do Concello: co fin de facilitar a entrada de vehículos ao
centro urbano dende a autovía, a rúa do Concello muda o seu sentido de circulación. Se
ata agora a circulación ía dende a N-547 cara ao colexio, a partir deste mércores, 21 de
abril, o fluxo será en sentido contrario: os coches poderán circular dende o CPI Camiño
de Santiago cara a praza do Concello e a estrada N-547.
• O acceso ao CPI Camiño de Santiago poderá facerse dende a autovía e tamén dende San Antón e dende Vilaboa-Lameiro.
PUBLICIDADE
Unha vez rematadas as obras, restablecerase a circulación nestas rúas tal como estaba ata o de agora.
O Concello do Pino solicita á veciñanza e aos usuarios da vía a máxima precaución e atención á nova sinalización instalada. Aínda que o inicio dunha obra desta envergadura pode xerar molestias puntuais, o Goberno local destaca que o resultado será un núcleo urbano máis accesible, moderno e de maior calidade de vida para toda a veciñanza do Pedrouzo.
PUBLICIDADE
O proxecto conta cun orzamento de 532.250 euros, financiado nun 70% pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a través do Plan Hurbe, e nun 30% polo Concello do Pino. A intervención suporá a eliminación de barreiras arquitectónicas, a mellora dos servizos municipais e un acondicionamento estético dunha zona con alto tránsito de veciñanza e de peregrinos.








Comentarios