O Concello do Pino reivindica no 8M a necesidade de seguir impulsando cambios en prol da igualdade
- Laura Moure

- 7 mar
- 2 Min. de lectura
A campaña polo Día Internacional da Muller botou a andar este venres e estenderase durante todo o mes con obradoiros coeducativos en todas as etapas escolares
Laura Moure/O Pino
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, destacou onte que o Día Internacional da Muller “é un bo momento para celebrar a valentía e determinación de mulleres que xogaron e xogan un papel relevante na historia dos seus países e comunidades e para reflexionar sobre os avances acadados”, pero tamén para “reivindicar a necesidade de seguir a impulsar cambios estruturais e sociais”.

Na lectura do manifesto institucional para conmemorar o 8M, Taboada recordou que esta é
unha data coa que se fai visible “a necesidade de seguir a reclamar aspectos básicos como a erradicación de violencias machistas, a igualdade salarial ou a universalización dos coidados”. Unha data para pór de manifesto que a equidade entre os xéneros “é unha
cuestión de interese público que engloba a toda a humanidade”, engadiu.
Por iso, desde o Concello do Pino o alcalde comprometeuse a “seguir impulsando políticas
de igualdade dende o eido local”, ademais de continuar contemplando as realidades
específicas das mulleres da contorna, “así como a visibilización de cada unha das
desigualdades vixentes”. Taboada tamén destacou “a importancia da educación en valores
como a igualdade de xénero, a solidariedade e o respecto dende idades temperás” para a
construción dunha sociedade responsable e comprometida, á vez que prometeu
“manifestar o rexeitamento ante actitudes machistas que impiden a consecución da
igualdade real”.
Publicidade
Programación educativa e social
A lectura do manifesto institucional polo 8M enmárcase na campaña coa que o Concello do Pino celebra o Día Internacional da Muller. Cunha programación educativa e social, ao
coincidir o 8M en domingo O Pino adiantou os actos conmemorativos a este venres. Unha
xornada que foi o punto de partida dunha campaña que xa chegou a todos os recunchos do municipio a través da cartelería e folletos informativos distribuídos en edificios públicos,
centros educativos e comercio local.
O Concello do Pino entende que a igualdade real constrúese nas aulas, polo que unha das
iniciativas centrais do día foi a instalación dun Espazo Informativo e Preventivo na entrada do CPI Camiño de Santiago.
PUBLICIDADE
Ademais, durante todo o mes o centro acollerá obradoiros coeducativos en todas as etapas escolares, gozando xa este venres o alumnado de Primaria da obra Travesía Unicornio de Teatro Ghazafellos, unha adaptación teatral do libro de María Canosa, gañador do Premio Anisia Miranda de teatro infantil. A obra, chea de humor e valores, mostra como un neno e o seu unicornio se atopan cunha xenia que lles axuda a escoitar e aceptar os desexos propios e alleos, rompendo roles tradicionais de xénero e promovendo a libre elección de intereses.
O Concello do Pino quere ser un referente en convivencia e igualdade, polo que agradece a implicación da comunidade educativa e convida a toda a veciñanza a participar nesta
campaña necesaria para construír “un municipio máis xusto, equitativo e libre de violencias”.








Comentarios