O Concello do Pino pon en marcha unha nova edición do programa 'Vai de Praia'
As saídas realizaranse todos os mércores dos meses de xullo e agosto, cun calendario que inclúe catro destinos de referencia do litoral galego
Laura Moure/O Pino
O Concello do Pino volverá ofrecer este verán unha nova edición do programa Vai de Praia, unha iniciativa que cada ano conta cunha excelente acollida entre a veciñanza e que permite desfrutar de diferentes areais da costa galega de forma cómoda, económica e sen necesidade de utilizar vehículo propio.

As saídas realizaranse todos os mércores dos meses de xullo e agosto, cun calendario que inclúe catro destinos de referencia do litoral galego. As persoas participantes poderán
visitar a praia de Broña, en Outes; a praia de San Francisco, en Muros; a praia de Baltar, en Portonovo; e a praia do Xardín, en Boiro.
O programa permitirá combinar praias da ría de Muros e Noia, da ría de Arousa e das Rías Baixas, ofrecendo alternativas para todos os gustos e favorecendo o desfrute do verán nun
ambiente de convivencia e lecer.
PUBLICIDADE
O prezo por cada viaxe mantense sen cambios respecto ás edicións anteriores, cun custo
de 10 euros para as persoas adultas e de 5 euros para os menores de 13 anos, que deberán ir acompañados dunha persoa adulta.
Como é habitual, un autobús percorrerá as distintas parroquias do municipio para facilitar o acceso ao servizo, polo que será necesario realizar a inscrición previa para organizar
correctamente as rutas, horarios e paradas.
PUBLICIDADE
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición realizando o ingreso
correspondente na conta do Concello do Pino en Abanca (ES70 2080 0337 1131 1000 0078) e presentando a documentación necesaria antes das 13:00 horas do día anterior a cada saída. Para máis información, a veciñanza pode dirixirse á Casa da Cultura, chamar ao teléfono 981 511 065 ou consultar a páxina web municipal www.opino.gal
Co programa Vai de Praia, o Concello do Pino reafirma o seu compromiso coa promoción de actividades de lecer accesibles para todas as idades, favorecendo a participación social e o desfrute do verán entre a veciñanza.









Comentarios