O Concello do Pino abre unha enquisa para definir as actividades deportivas do curso 2026-2027
- Laura Moure

- hace 3 horas
- 1 Min. de lectura
A iniciativa pretende ampliar e mellorar a oferta deportiva municipal contando coa opinión da veciñanza
Laura Moure/O Pino
O Concello do Pino pon en marcha unha nova enquisa co obxectivo de coñecer as preferencias da veciñanza en relación ás actividades deportivas de cara ao curso 2026-2027. Esta iniciativa busca seguir mellorando e ampliando a oferta municipal, adaptándoa aos intereses reais da poboación.

A través desta consulta, o Concello pretende recoller información directa sobre os hábitos deportivos actuais, así como sobre as actividades que máis interesan a nenos e nenas, adolescentes, persoas adultas e familias. Deste xeito, poderase deseñar un programa máis
diverso e axeitado ás diferentes idades e necesidades.
A enquisa inclúe diferentes bloques nos que se poden seleccionar actividades deportivas
como bádminton, fútbol sala, natación, patinaxe, voleibol, ximnasia rítmica, zumba ou
xogos predeportivos para a poboación máis nova. No caso das persoas adultas, recóllense
opcións como pilates, ioga, cross training, circuítos funcionais, baile ou sendeirismo
guiado, entre outras. Ademais, tamén se contempla un apartado específico de actividades
familiares, como roteiros en bicicleta, xogos cooperativos ou sesións de ioga en familia.
PUBLICIDADE

Un dos aspectos destacados da enquisa é a posibilidade de achegar suxestións propias, co fin de incorporar novas propostas que respondan aos intereses da veciñanza e contribuír a mellorar tamén outros servizos relacionados co deporte, como o ximnasio municipal.
Publicidade
O Concello do Pino anima a toda a cidadanía a participar nesta enquisa, xa que a súa colaboración será clave para construír unha programación deportiva máis participativa e adaptada á realidade do municipio. A enquisa estará activa ata o luns 20 de abril.







Comentarios