O Concello do Pino abre o prazo de inscrición no programa de conciliación Lecer Nadal
- Laura Moure
- hace 5 horas
- 2 Min. de lectura
Vai dirixido a escolares de 3 a 12 anos e ten un custo de 30 euros
Laura Moure/O Pino
O Concello do Pino abre o prazo de solicitudes para participar no programa Lecer Nadal 2025/2026, unha iniciativa de conciliación dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. O obxectivo é ofrecerlles ás familias do municipio un espazo educativo e lúdico durante as vacacións escolares de Nadal, favorecendo a conciliación da vida laboral e familiar. O Lecer Nadal desenvolverase nas instalacións do pavillón municipal e exteriores do CPI
Camiño de Santiago, en Arca (O Pedrouzo). O servizo prestarase de luns a venres, de 8:00 a 15:00 horas, entre os días 22 de decembro e 7 de xaneiro, coincidindo cos días laborables das vacacións escolares.
En total, serán dez sesións: os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro, e 2, 5 e 7 de xaneiro. As familias deberán recoller aos nenos e nenas entre as 13:30 e as 15:00 horas.
O programa contará cun total de 50 prazas, sendo necesario un número mínimo de inscricións para a súa realización. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas
dispoñibles, aplicaranse os seguintes criterios de admisión e orde de prioridade: empadroamento no Concello (cun mínimo de tres meses), situación laboral activa ou en
busca de emprego dalgún dos proxenitores, valoración técnica dos Servizos Sociais,
familias monoparentais ou con cargas nos coidados, escolarización no municipio e,
finalmente, menores que pasen as vacacións no Pino.

A listaxe de persoas admitidas publicarase no taboleiro de edictos e na páxina web
municipal. As solicitudes non admitidas pasarán a formar parte dunha lista de agarda.
As familias interesadas deberán cubrir a ficha de inscrición, dispoñible na web municipal e
nas oficinas do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres. O prazo para
presentar as solicitudes remata o martes 16 de decembro de 2025.
As inscricións poderán presentarse presencialmente no Rexistro municipal ou a través da
sede electrónica.
O prezo do programa é de 30 euros. As familias numerosas terán un desconto do 20 % a partir do segundo fillo, e as familias monoparentais ou monomarentais tamén poderán
beneficiarse dun 20 % de desconto, presentando a documentación acreditativa correspondente.
Publicidade
O pagamento deberá realizarse unha vez publicada a listaxe de persoas admitidas. O
xustificante de pagamento deberá entregarse no Concello ou remitirse a través da sede
electrónica antes do 22 de decembro.
As bases completas e a ficha de inscrición poden consultarse e descargarse na web
municipal, nesta ligazón: https://opino.gal/lecer-nadal-2025-formulario-de-inscricion-e-
bases/



