top of page

O Concello de Silleda xa iniciou o proceso para subrogar a plantilla do SAF

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O alcalde, Manuel Cuiña, manterá o martes un encontro con representantes sindicais e reunirase despois con todas as traballadoras do servizo


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda xa iniciou os trámites para proceder á subrogación da plantilla do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), toda vez que a empresa adxudicataria presentou o pasado día 20 un escrito solicitando a resolución do contrato por inviabilidade económica dende o vindeiro día 31. “O proceso está xa en marcha e con vontade por todas as partes implicadas”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña, que nos últimos días centrou a súa axenda na resolución da situación do SAF e que a vindeira semana continuará mantendo encontros sobre esta cuestión.

Así, o vindeiro martes, Cuiña reunirase cos representantes sindicais das traballadoras do SAF, nun encontro de traballo no que agarda se poida aclarar a cantidade que a empresa debe ao personal da plantilla. Con posterioridade, o alcalde manterá tamén ao longo da vindeira semana un encontro con todas as traballadoras do SAF de Silleda para comunicarlles directamente os pasos dados. “Sumando esforzos, entre todos tanto a empresa á hora de trasladar a documentación, como do Concello e da plantilla, conseguiremos que un servizo básico e esencial como este non se vexa afectado por toda esta situación”, sinala o rexidor silledense.

En canto a cuestións económicas, Cuiña aclara que se irá dando conta “en canto coñezamos realmente cal é a situación, xa que a día de hoxe non dispoñemos de datos reais sobre a mesma”, sinala. Do mesmo xeito, o rexedor agradece aos servizos municipais de Secretaría e Intervención o enorme esforzo que están a realizar para facer efectivo o proceso de subrogación. Tamén agradece a colaboración do sindicato e a plantilla, nun proceso que “require a colaboración máxima de todas as partes”.


“Quedan por diante xornadas duras de traballo cun obxectivo claro: establecer o mellor tanto para a plantilla coma para as persoas usuarias deste servizo”, apunta o alcalde facendo un chamamento á tranquilidade. Agardase que ao longo do vindeiro mes de febreiro se faga efectiva a subrogación da plantilla e que poidan estar abonadas as mensualidades que se adebedan á mesma. “Imos na boa dirección”, apunta o mandatario que aclara tamén que o goberno municipal xa dende o 30 de decembro estivo á espera de que se presentara por parte dos sindicatos a documentación probatoria para acreditar os impagos. “Gustaríanos ter tido antes esa documentación, pero non é o momento de facer reproches senón de mirar cara adiante e buscar a mellor solución”, engade.


O proceso que se abre agora servirá tamén para valorar dende o Concello de Silleda se este servizo se pode prestar de xeito directo. “Non é casualidade que a maioría dos Concellos, de distintas cores políticas, teñan este servizo externalizado, xa que é un servizo complexo”, apunta. Así, aclara que mentre non se regularice a situación estará municipalizado “nun tempo no que nos permitirá tamén valorar como funciona asumido

directamente por una entidade local como Silleda, cas complexidades que implica, ao asumir de repente preto de 40 persoas máis en plantilla”, engade. “O que queremos é o mellor para as persoas usuarias e para as persoas que traballan neste servizo básico e esencial para a veciñanza”.


NOTICIA RELACIONADA:

コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page