top of page

O Concello de Silleda solicita permiso a Patrimonio para a limpeza manual de Castro Toiriz

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda remitiu en días pasados á Dirección Xeral de Patrimonio unha solicitude para conquerir a pertinente autorización de cara a realizar tarefas de limpeza manual no Castro de Toiriz. No mesmo escrito tamén se solicita ao departamento autonómico que remita as instrucións precisas sobre como proceder de xeito correcto para limpar o xacemento. O Concello de Silleda completará así os traballos de posta en valor dos últimos meses, promovidos polo Ministerio de Fomento e a Deputación de Pontevedra a través do programa Trazas de Pontevedra.



Castro Toiriz. Autor: Galicia Máxica.

Para estas tarefas, o Concello xa solicitou o pertinente orzamento a unha empresa especializada, de cara a realización do desbroce, con medios manuais, do Castro de Toiriz, situado a apenas 200 metros da vila de Silleda, a fin de continuar mellorando as condicións para a visita, disfrute e coñecemento de toda a veciñanza e persoas que desexen achegarse ata este enclave.


Mámoa da Chousa Nova

Por outra banda, está previsto que nos vindeiros días den comezo os traballos para a posta en valor e sinalización da Mámoa da Chousa Nova, sita en Campomarzo (Abades) considerada a máis antiga de Galicia. O proxecto, adxudicado á firma Acitania Arqueoloxía, acometerase grazas á subvención da Deputación de Pontevedra para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico-Cultural. O investimento, financiado polo organismo provincial ao abeiro desta subvención, é de 5.500 euros.


O túmulo foi escavado, desmontado e posteriormente remontado no seu lugar orixinal entre os anos 2007 e 2010, durante as obras de construción da liña do Tren de Alta Velocidade (TAV) Ourense-Santiago. Os traballos, acordados xa a finais do pasado ano, estaban só pendentes da pertinente autorización de Patrimonio –toda vez que se obtivo a de Adif, propietaria dos terreos- que se remitiu en días pasados.


Ademais da limpeza da mámoa, que se fará cun control arqueolóxico, tamén se reparará o peche de madeira exterior, e se colocarán sinais direccionais dende A Bandeira e a estrada PO-204, incorporándose tamén o cartel informativo xunto ao xacemento que complementará o colocado no seu día cando se puxo en valor a mámoa.



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page