O Concello de Silleda resolve o 75 % das incidencias comunicadas pola veciñanza a través da Liña Verde
O ente local organiza un Curso de Poda e Enxerto no Centro Dinamizador de Escuadro
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda fai un balance positivo da implantación da Liña Verde, a aplicación municipal que permite á veciñanza comunicar incidencias nos espazos e servizos públicos de maneira directa e sinxela. Segundo os datos facilitados pola plataforma no seu balance de setembro, o 75 % dos avisos rexistrados desde a posta en marcha deste servizo, en 2024, xa foron resoltos.
A ferramenta converteuse nunha vía de contacto entre a cidadanía e os servizos municipais, xa que permite localizar desperfectos, achegar fotografías e facer seguimento do estado das comunicacións. Deste xeito, facilita tanto a detección de necesidades como a organización das actuacións para atendelas.

Por tipoloxías, a maior parte das incidencias comunicadas refírense ao alumeado público (39 %). Séguenlle as relacionadas coas vías e beirarrúas (18 %), o lixo (11 %), os parques e xardíns (5 %), a limpeza (4 %) e a auga e a rede
de sumidoiros (4 %).
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destaca que "a Liña Verde permítenos estar máis preto do que sucede nas nosas rúas e parroquias. As achegas da veciñanza son fundamentais para detectar incidencias, priorizar actuacións e seguir mellorando os servizos públicos".
PUBLICIDADE
Fernández engade que "resolver tres de cada catro incidencias comunicadas é un dato positivo, pero tamén somos conscientes de que quedan cuestións por atender. O noso obxectivo é seguir mellorando os tempos de resposta e dar seguimento aos avisos, porque detrás de cada comunicación hai unha persoa que quere contribuír a mellorar Silleda".
Unha ferramenta aberta á participación
Para empregar a Liña Verde abonda con descargar gratuitamente a aplicación nos dispositivos Android ou iOS e seleccionar o municipio de Silleda. Ao comunicar unha nova incidencia, a persoa usuaria pode escoller a súa categoría, indicar a localización e achegar unha fotografía e unha breve descrición. O aviso chega ao persoal municipal encargado da súa tramitación e a aplicación informa dos cambios no seu estado.
A plataforma permite tamén solicitar a recollida de mobles e outros enseres, seleccionando unha data dispoñible, e dispón dunha función de consulta para saber en que colector corresponde depositar distintos residuos. Así mesmo, nos últimos meses tamén se incorporou o modulo Onde o tiro?, unha app que a través de IA indica ás persoas usuarias en que collector ou punto deben depositar os residuos, en caso de dúbida, simplemente con facer unha fotografía.
O Concello anima á veciñanza a continuar facendo uso deste servizo, que complementa as canles habituais de atención municipal e contribúe á conservación e mellora dos espazos públicos de todo o municipio.
Por outra banda, o Concello de Silleda pon en marcha unha nova iniciativa formativa orientada ao ámbito agrícola e ao coidado do medio natural: o Curso de Poda e Enxerto, que se impartirá nas instalacións do Centro Dinamizador de Escuadro. A proposta, concibida para ofrecer unha formación práctica e accesible, ten como obxectivo capacitar á veciñanza nas técnicas fundamentais da poda e no dominio dos diferentes tipos de enxerto en árbores e plantas.
PUBLICIDADE
A actividade desenvolverase ao longo de dous meses, dende o vindeiro 20 de outubro ata o 20 de decembro. Durante este período, as clases terán lugar todos os martes en horario de 17:00 a 19:00 horas no propio Centro Dinamizador de Escuadro.
A formación práctica como impulso ao contorno rural
Desde o Concello de Silleda salientase a importancia de promover este tipo de obradoiros e cursos no municipio, favorecendo o aprendizaxe de labores tradicionais e agrícolas que contribúen á sostibilidade, á mellora das explotacións e ao mantemento do contorno rural.
O prazo de inscrición xa se atopa aberto para todas as persoas interesadas en participar. Para formalizar a reserva de praza ou solicitar máis información, cómpre poñerse en contacto a través do teléfono 986 58 00 00.
Desde o Concello anímase á veciñanza a participar nesta formación, concibida como unha oportunidade para adquirir coñecementos práticos de grande utilidade no día a día do medio rural.









Comentarios