O Concello de Silleda reclama á Xunta máis profesorado de Audición e Linguaxe para o CEIP
A A actual dotación non permite atender todas as necesidades e arredor de 15 alumnos e alumnas quedan sen recibir o apoio especializado que precisan
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de solicitar formalmente á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que reforce con carácter urxente a dotación de profesorado especialista en Audición e Linguaxe (AL) no CEIP Plurilingüe de Silleda.
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, remitiu unha carta ao responsable autonómico de Educación na que traslada a preocupación do goberno municipal pola evolución dos recursos destinados a esta especialidade nun centro que conta con preto de 300 alumnos e alumnas.
Nos últimos cursos, o CEIP pasou de dispoñer de tres profesionais especialistas en Audición e Linguaxe a contar actualmente cunha única mestra de AL, unha redución que desde o Concello se considera especialmente preocupante tendo en conta as necesidades existentes.

Segundo os datos trasladados desde o centro, esta única profesional atende a tempo completo alumnado con necesidades educativas especiais, entre o que se atopan cinco nenos e nenas con diagnósticos graves e outros dous con trastornos moderados da linguaxe e problemas de conduta.
Ademais, segundo o informe da Xefatura do Departamento de Orientación, a dispoñibilidade horaria da especialista resulta insuficiente para atender o conxunto das necesidades existentes. Isto provoca que arredor de 15 alumnos e alumnas con dificultades ou trastornos da linguaxe, atraso na súa adquisición, trastorno do desenvolvemento da linguaxe (TDL), trastornos fonolóxicos e outras necesidades non poidan recibir actualmente a atención especializada que precisan.
PUBLICIDADE
“Estamos falando dunha atención fundamental para nenos e nenas que necesitan destes apoios e dunha situación que non podemos obviar. Non parece razoable que un colexio con tantos alumnos e alumnas e con estas necesidades pasase de tres especialistas a contar cunha única profesional”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández.
Na carta remitida á Consellería, o Concello solicita que se revise con carácter prioritario a actual dotación e que se incorporen os profesionais necesarios para garantir a atención efectiva de todo o alumnado que precisa deste recurso, atendendo non só ao número total de estudantes matriculados, senón tamén ás necesidades educativas existentes e á intensidade dos apoios requiridos.
“Non estamos reclamando unha cifra de profesionais de maneira arbitraria. O que pedimos é que a dotación responda ás necesidades reais que os propios profesionais do centro están detectando e que ningún neno ou nena quede sen atención especializada por falta de persoal”, engade Fernández.
Reunión coa ANPA Raparigos
Esta petición institucional prodúcese despois de que representantes do goberno municipal mantivesen hai uns días unha reunión coa ANPA Raparigos do CEIP Plurilingüe de Silleda, na que, entre outras cuestións relacionadas co funcionamento e as necesidades do centro, se abordou a situación do profesorado de Audición e Linguaxe.
PUBLICIDADE
A asociación de nais e pais fixo pública tamén nos últimos días a súa preocupación pola redución destes recursos e reclamou á Consellería que incremente novamente o número de especialistas.
"Desde o Concello compártese a preocupación trasladada polas familias e considérase necesario que a administración educativa dea unha resposta a unha demanda que afecta directamente á atención do alumnado con necesidades específicas. O Concello estará sempre ao lado da comunidade educativa na defensa dos recursos necesarios para garantir unha educación pública inclusiva e de calidade. Neste caso existen necesidades concretas e acreditadas e entendemos que deben ser atendidas”, conclúe a alcaldesa.









Comentarios