top of page

O Concello de Silleda reclama actuacións urxentes e integrais na N-525 e na estrada provincial PO-204

Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de trasladar á Consellería de Vivenda e Infraestruturas da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible dúas novas reclamacións sobre o estado de conservación de dúas vías fundamentais que atravesan o municipio: a estrada provincial PO-204 ao seu paso pola parroquia de Manduas e a estrada nacional N-525 nos tramos urbanos de Silleda e A Bandeira.


No caso da estrada PO-204, de titularidade autonómica, o Concello denuncia o progresivo deterioro do firme e o mal estado das beirarrúas, especialmente nas zonas de alcorques, onde as baldosas levantadas supoñen un serio risco para os peóns, nomeadamente para as persoas maiores que acoden con frecuencia á igrexa de Manduas. O goberno local solicita unha intervención integral na vía e, mentres esta non se poida executar, urxe unha reparación puntual das zonas máis afectadas, así como a limpeza das beirarrúas e a reposición das zonas de alcorque por outras solucións axardinadas que eviten novos problemas de seguridade.

Neste sentido, o Concello tamén lembra a proposta xa presentada á Xunta de habilitar un trazado alternativo para o tráfico pesado, utilizando un viario municipal paralelo. Esta alternativa permitiría reducir o impacto do tránsito de vehículos de gran tonelaxe sobre a vía, asumindo o Concello, a partir de ese momento, o mantemento da mesma.


Por outra banda, tamén se vén de remitir unha nova comunicación ao Ministerio de Transportes en relación ao estado da N-525 ao seu paso polos núcleos de Silleda e A Bandeira. O Concello agradece a resposta dada nas anteriores peticións, con intervencións puntuais de reparación. Non obstante, considera que o modelo actual de mantemento é claramente insuficiente, xa que as actuacións limítanse a puntos concretos, deixando outros tramos nun estado igual de deficiente.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

“Reiteramos a nosa petición de que se acometa unha actuación integral en ambos tramos urbanos da N-525. E, mentres iso non sexa posible, esiximos que as reparacións puntuais se fagan con rigor e abranguendo todos os puntos que presentan deficiencias”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández Pena.


Dende o goberno local insístese na necesidade de que ambas administracións actúen con responsabilidade para garantir a seguridade viaria e ofrecer unha resposta efectiva ás necesidades das veciñas e veciños. “Non pedimos nada extraordinario: pedimos que se manteñan en condicións dignas dúas vías moi transitadas e esenciais para a mobilidade no noso concello”, conclúe a rexedora.”



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page