top of page

O Concello de Silleda iniciou as obras de mellora viaria en Pedrouzo, Cervaña e Cortegada

hace 8 minutos
2 min de lectura

A actuación abrangue seis núcleos das parroquias de Graba, Cervaña e Cortegada e está financiada coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda iniciou a pasada semana a mellora de camiños municipais en Pedrouzo, Cervaña e Cortegada, unha actuación que supón un investimento de 236.200,75 euros (IVE incluído) e que permitirá actuar en seis núcleos do rural silledense.

A empresa adxudicataria, Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U., xa realizou os primeiros labores de limpeza no tramo de Pedrouzo, na parroquia de Graba, e nestes días está a traballar na parroquia de Cervaña.


A alcaldesa de Silleda e concelleira de Obras, Paula Fernández Pena, achegouse hai uns días ata Cervaña para supervisar sobre o terreo o inicio dos traballos e comprobar a evolución desta primeira fase da actuación.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

O calendario previsto continuará nos vindeiros días en Cortegada, onde a empresa comezará cos traballos previos de preparación do terreo e acondicionamento das cunetas antes de acometer as seguintes fases da obra. “Estamos xa sobre o terreo cunha actuación importante, tanto polo investimento como pola extensión, porque nos permite mellorar de maneira conxunta varios camiños en tres parroquias”, sinala Paula Fernández. A alcaldesa destaca que “falamos de vías que teñen un uso diario por parte da veciñanza e tamén unha especial importancia para a actividade agrogandeira, polo que estas melloras repercuten directamente na mobilidade e na seguridade no noso rural”.


Actuación en seis núcleos

O proxecto abrangue camiños municipais en Barreiro e Pedrouzo, na parroquia de Graba; Alfonsiños e Ouzande, en Cervaña; e Camporrapado e A Revolta, en Cortegada. Os traballos contemplan a renovación do firme e a limpeza e acondicionamento das cunetas para favorecer unha correcta drenaxe das augas pluviais. Ademais, naqueles tramos nos que resulta máis recomendable desde o punto de vista técnico executarase pavimento de formigón armado, co obxectivo de incrementar a resistencia e prolongar a vida útil das actuacións.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Paula Fernández lembra que antes da licitación o Concello mantivo reunións coa veciñanza dos distintos lugares afectados, nas que se explicaron sobre o terreo as intervencións previstas e se recolleron achegas. “É unha forma de traballar que queremos seguir mantendo. Antes de actuar escoitamos á veciñanza, visitamos os lugares e analizamos as necesidades sobre o terreo. Agora comezamos a materializar esas melloras cun investimento importante que chegará a seis núcleos”, engade a alcaldesa.


A actuación está financiada a través do Plan +Provincia, da Deputación de Pontevedra e forma parte do programa municipal de mellora progresiva das infraestruturas viarias do rural.


“Seguimos avanzando na mellora dos servizos e das infraestruturas das parroquias. Temos un territorio moi extenso e unha ampla rede de camiños municipais, e por iso é fundamental continuar destinando recursos a actuacións que faciliten os accesos ás vivendas e explotacións e melloren a calidade de vida da veciñanza”, conclúe Paula Fernández.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page