O Concello de Silleda habilita unha nova zona de aparcamento xunto ao cemiterio parroquial da vila
A actuación permitirá ampliar as posibilidades de estacionamento nunha contorna con escaseza de prazas e mellorar o acceso ao camposanto durante todo o ano
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda está a ultimar os traballos de acondicionamento dunha nova zona de aparcamento xunto ao cemiterio parroquial de Santa Eulalia de Silleda, unha actuación coa que se dá resposta á escaseza de espazos para estacionar nesta contorna e que permitirá mellorar de xeito permanente a accesibilidade ao camposanto.
O novo estacionamento está situado nunha parcela lindante co cemiterio nunha zona na que ata o de agora as posibilidades de aparcamento eran moi limitadas. A habilitación deste espazo suporá unha mellora para todas as persoas que visitan o camposanto ao longo do ano, facilitando a chegada e o estacionamento dos vehículos.
PUBLICIDADE
Os traballos estanse a executar estes días con maquinaria da Mancomunidade e medios do servizo municipal de Obras, que se encargan do acondicionamento do terreo para o seu novo uso.
A alcaldesa de Silleda e concelleira de Obras, Paula Fernández Pena, supervisou onte a marcha das actuacións, que estarán rematadas nas próximas horas. Deste xeito, a nova zona de aparcamento poderá estrearse coincidindo coa celebración de Todos os Santos e Defuntos, cando se rexistra unha das maiores afluencias de visitantes aos cemiterios.

A rexedora destacou a importancia desta mellora, "coa que damos resposta a unha necesidade que existía dende hai tempo nesta contorna. Sabemos das dificultades para estacionar nas inmediacións do cemiterio, polo que habilitar este novo espazo supón unha solución que beneficiará á veciñanza durante todo o ano".
Fernández incidiu en que, máis alá da súa estrea nunhas datas especialmente sinaladas, "o importante é que esta nova zona de estacionamento queda xa ao servizo da veciñanza de maneira permanente, mellorando as condicións de acceso a un lugar moi frecuentado polas familias de Silleda".
Agradecemento á parroquia de Santa Eulalia
Dende o goberno municipal quérese destacar especialmente a colaboración da parroquia de Santa Eulalia de Silleda por facilitar os terreos nos que se está a habilitar o novo aparcamento, facendo posible esta actuación. A alcaldesa trasladou o agradecemento do Concello pola boa disposición amosada, subliñando que "a colaboración entre institucións e entidades é fundamental para levar adiante melloras que repercuten directamente na
calidade de vida da veciñanza".
Reforzo da recollida de lixo nos cemiterios na fin de semana
Por outra banda, coincidindo coa celebración de Todos os Santos e Defuntos, o Concello de Silleda reforzará durante esta fin de semana o servizo de recollida de residuos nos cemiterios de todo o municipio. Así a entidade Silleda Sostible intensificará as labores de recollida para atender o incremento de residuos que se produce tradicionalmente nestas datas, especialmente polos traballos de limpeza e acondicionamento das sepulturas e pola colocación de flores.
PUBLICIDADE
O obxectivo é evitar a acumulación de residuos e garantir que os camposantos se manteñan nas mellores condicións posibles durante unhas xornadas nas que se multiplica a afluencia de visitantes.
Con estas actuacións, o Concello de Silleda continúa traballando na mellora dos servizos e espazos de uso público, atendendo tanto ás necesidades habituais da veciñanza como ás especiais circunstancias de datas sinaladas como a festividade de Todos os Santos.









Comentarios