O Concello de Palas, a través do CIM, promove un programa de actividades con motivo do 25N
A programación desenvolverase entre o 21 e o 30 de novembro
Laura Moure/Palas de Rei
O Concello de Palas de Rei, a través do Centro de Información á Muller (CIM), pon en marcha un programa de actividades con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, baixo o lema Palas de Rei di non á violencia de xénero, A programación, que se desenvolverá entre o 21 e o 30 de novembro, inclúe a VIII Andaina contra a Violencia de Xénero, actividades co alumnado, un acto con minuto de silencio e lectura do manifesto e o obradoiro formativo "Conectad@s", enmarcado no Acordo de Colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a Fegamp.

O programa arrancará o sábado 21 de novembro coa VIII Andaina contra a Violencia de Xénero, unha actividade deportiva e de convivencia que parte ás 11:00 horas da porta do Concello (Avenida de Compostela nº 28). O percorrido, de 8 quilómetros, transcorrerá polas parroquias do Carballal, Curbian, A Ulloa e Sambreixo ata chegar ao Castelo de Pambre.
A actividade, que conta coa empresa Jim Sport como socio colaborador, ofrece a oportunidade de gozar da natureza e do deporte mentres se reivindica o respecto, a igualdade e unha sociedade libre de violencia de xénero. A inscrición é gratuíta e debe formalizarse con antelación no Concello ou no CIM, e haberá servizo de transporte gratuíto para a volta.
PUBLICIDADE
Para participar na andaina é necesaria inscrición previa gratuíta no Concello de Palas de Rei ou no Centro de Información á Muller. Para máis información pode contactarse co CIM no 982 380 003 ou co departamento de Cultura no 629 324 528.
Ilustracións e Contos contra a Violencia de Xénero
O mércores 25 de novembro, ás 10:30 horas, o CEIP de Palas de Rei acollerá a actividade "Ilustracións e Contos contra a Violencia de Xénero", impartida pola psicóloga do CIM de Palas de Rei e dirixida aos cursos de Educación Infantil do centro, co obxectivo de traballar a igualdade e o respecto desde os primeiros anos.
Acto, Minuto de Silencio e Lectura do Manifesto
Ese mesmo mércores 25 de novembro, ás 12:30 horas, terá lugar na Praza do Concello o acto central da conmemoración, cun minuto de silencio en memoria das vítimas e a lectura do manifesto contra a violencia de xénero. No acto participan o CEIP de Palas de Rei e o IES do Camiño de Palas de Rei, coa lectura do manifesto a cargo dun alumno ou alumna do centro, e convídase a participar a toda a cidadanía palense.
PUBLICIDADE
Obradoiro formativo "Conectad@s"
O luns 30 de novembro o programa pecharase co obradoiro formativo "Conectad@s", que se impartirá no IES do Camiño de Palas de Rei en dúas sesións, ás 9:20 e ás 9:50 horas. A actividade ten unha duración aproximada dunha hora e media. A actividade enmárcase no Acordo de Colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, e a Fegamp para a conformación dunha Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, e será impartida pola entidade Aliad Ultreia. Dirixido á mocidade e ao alumnado a partir de 16 anos, o obradoiro contempla un modelo afectivo construído desde os coidados e o bo trato, tendo en conta os novos xeitos de relación e as novas tecnoloxías.
Ademais, abordará a prevención da violencia de xénero entre as persoas máis novas, incluída a prevención da captación de mulleres mozas para a prostitución e a eliminación da demanda.









Comentarios