A Deputación cederá a Palas un tramo urbano da estrada LU-P-2901, que entronca coa N-547
Laura Moure/Palas de Rei
A Deputación Provincial de Lugo levará para a súa aprobación no vindeiro pleno, que se celebrará o martes 24 de novembro, a modificación da titularidade de varios tramos de estradas provinciais en favor dos concellos de Palas de Rei e Cospeito. Trátase de tramos de carácter urbano, sobre os que a lei permite a súa cesión ás entidades municipais, a fin de que os concellos poidan xestionar directamente sobre elas as actuacións que sexan necesarias en cada caso. En total, os tramos que se cederán suman algo máis de 3 quilómetros de lonxitude (3.064 metros).
Estas cesións de tramos de vías provinciais a entidades municipais son as primeiras que se levan a cabo dende que Carmela López accedeu á presidencia da Deputación. A vontade é seguir atendendo a este tipo de peticións, cando se considere que benefician o interese xeral e unha vez que conten cos informes técnicos e xurídicos preceptivos, ao igual que se fixo con outro tipo de cesións realizadas nos últimos meses, como a Casona do Incio e un terreo próximo ao embarcadoiro de Maiorga, en Pantón.

Unha vez aprobadas ditas cesións polo pleno provincial, o acordo será remitido a cada un dos concellos implicados, que o deberán aceptar en pleno municipal. Unha vez aprobados estes acordos plenarios, remitiranse á Xunta de Galicia para a súa tramitación e publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Ademais, a orde do día tamén incluirá a cesión en propiedade dun tractor do parque móbil provincial ao concello de Becerreá para mellorar a prestación dos servizos municipais.
No referente ao concello de Cospeito, a proposta contempla o cambio de titularidade de varios tramos viarios situados nos núcleos de Feira do Monte e Muimenta, que suman unha serie de estradas provinciais, en concreto, a LU-P-1701, LU-P-1702, LU-P-1706, LU-P-6501 e LU-P-4401. A solicitude de cesión foi tramitada polo concello chairego en xaneiro de 2022, e ven de ser aprobada polo equipo de goberno provincial, atendendo así ás necesidades dos veciños e veciñas do municipio.
A LU-P-1701 conta cunha lonxitude de preto de 11 quilómetros, e os dous treitos solicitados polo Concello sitúanse no inicio e no final desta vía, nos núcleos de Feira do Monte, no inicio, e de Muimenta, no final. En total, os dous tramos cedidos suman 759 metros.
O tramo de Feira do Monte ten inicio na LU-111 e remata no límite do solo urbano, unha lonxitude de 268 metros. Conta con dous carrís de circulación, dúas zonas de aparcamento e con beirarrúas. O treito de Miumenta, de 491 metros, iniciase no límite de solo urbano e remara na LU-120 e conta con beirarrúas na meirande parte do tramo en ambas marxes.
PUBLICIDADE
A estrada LU-P-1702 conta cunha lonxitude de preto de 9 quilómetros. O treito solicitado sitúase no inicio da vía, no núcleo de Feira do Monte e ten o inicio na LU-P-6501, e remata no límite de solo urbano en Pino-Fontefría, cunha lonxitude de 191 metros. Conta con beirarrúas en ambas marxes ata a Avenida Virxe do Monte.
O tramo solicitado da LU-P-1706, estrada que ten unha lonxitude de 11.7 quilómetros, sitúase no inicio da vía, que conecta coa estrada autonómica LU-111, no núcleo de Feira do Monte, e remata no límite de solo urbano, con 115 metros de lonxitude. Na zona inicial conta con beirarrúa ao longo de 44 metros na marxe dereita e no resto do treito conta con zona de aparcamento.
Na LU-P-6501, de algo máis de 8 quilómetros, o treito solicitado sitúase no final da vía, no núcleo de Feira do Monte. Ten o inicio no límite de solo urbano e remata na estrada autonómica LU-120, cunha lonxitude de 883 metros. Conta con beirarrúas en ambas marxes en todo o treito.
PUBLICIDADE
Finalmente na LU-P-4401, estrada que ten unha lonxitude de case 11,5 quilómetros, o treito solicitado sitúase no final da vía, no núcleo de Muimenta. Cunha lonxitude de 300 metros, ten o inicio no límite do solo urbano, e remata na estrada autonómica LU-120. Ata o camiño de Currás, na marxe dereita, conta con aparcamento en ambas marxes, e a partir de aí ata o final conta con aparcamento na marxe esquerda. Posúe beirarrúas en ambas marxes en todo o treito.
Pola súa banda, a Deputación cederá ao concello de Palas de Rei un tramo urbano de 816 metros da estrada LU-P-2901, que entronca coa coa estrada estatal N-547. O treito conta con bieravías ata a rúa das Lagas e a partir dese punto, con beirarrúas. Este tramo foi reparado previamente pola Deputación, no pasado mes de xullo, froito dun convenio de colaboración co concello de Palas de Rei.









Comentarios