top of page

O Concello de Monterroso acada a débeda cero e consolida a súa estabilidade económica

Ecos da Comarca/Monterroso

O Concello de Monterroso vén de dar un paso histórico cara á estabilidade financeira coa amortización total da débeda municipal. O alcalde, Eloy Pérez, conseguiu o apoio da Corporación para cancelar na súa totalidade os préstamos que a administración local tiña con distintas entidades financeiras, deixando así ao Concello con débeda cero por primeira vez en anos.

Eloy Pérez, alcalde de Monterroso.
Eloy Pérez, alcalde de Monterroso.

Esta medida supón, tal e como subliña o rexedor, “unha excelente nova para as arcas municipais, xa que a partir de agora esta mellor situación financeira do Concello vai permitir acometer novos proxectos e investimentos en beneficio dos veciños e das veciñas”.


Eloy Pérez destaca que este logro é froito dunha xestión “rigorosa, responsable e transparente dos recursos públicos”, subliñando o compromiso e o traballo altruísta que o equipo de Goberno fixo ata o de agora, exercendo as súas funcións de maneira totalmente gratuíta, sen percibir salario e guiado unicamente polo interese xeral e o progreso do municipio.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Diálogo co resto de forzas para aprobar os Orzamentos

Neste novo escenario de solvencia e equilibrio económico, o rexedor anuncia tamén que iniciará de inmediato o diálogo coas distintas formacións políticas para elaborar o proxecto de Orzamentos municipais para o vindeiro exercicio. “Invito a todas as forzas políticas a realizar as súas achegas para consensuar un documento que permita que Monterroso siga avanzando, mantendo unha xestión seria e responsable, e poidamos asumir novas inversións que melloren a calidade de vida dos nosos veciños”, manifesta.


Con esta amortización da débeda e a vontade de consenso expresada polo alcalde, Monterroso "consolídase como un concello con plenas garantías financeiras, estabilidade institucional e visión de futuro".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page