top of page

O Concello de Melide celebra o Día das Letras Galegas cun mes de actividades culturais

O programa estenderase do 14 de maio ao 19 de xuño


Laura Moure/Melide

O Concello de Melide pon en marcha, co gallo do Día das Letras Galegas 2025, unha ampla programación que ofrece máis dun mes de espectáculos e actividades orientadas a difundir a nosa cultura tradicional, nun ano marcado pola dedicatoria do Día das Letras á poesía popular oral e as cantareiras. O programa estenderase do 14 de maio ao 19 de xuño.


O mércores 14 de maio, Talía Teatro representará o espectáculo ‘VOA, VOA!’ para o alumnado entre 1º e 4º de Educación Primaria. Na función, convídase ao público a relembrar a arte do xogo de palabras, recuperando retrousos, ditos e xogos que constitúen a cerna dunha rica tradición oral. Será no centro sociocultural ás 11:30 horas.

Ao día seguinte, o xoves 15 de maio, será o alumnado de educación infantil o que goce do espectáculo ‘Coa pandeireta na man’ de María Faltri. Esta iniciativa achégalles a riqueza da música tradicional galega, promovendo a importancia de manter a tradición oral. Por medio de cancións emblemáticas e xogos, as nenas e nenos coñecerán unha parte da historia popular da nosa música. Haberá dúas funcións, ás 10:30 horas e ás 12 horas, na biblioteca municipal.


A tarde do domingo 18 de maio está dedicada ao teatro. Así, o grupo Teiroa do IES de Melide representará senllas funcións: ‘O enfermo imaxinario’ e ‘Eu fixen ouigha con Castelao’. As representacións, organizadas polo IES de Melide, terán lugar dende as 19 horas no Centro Sociocultural Mingos de Pita.


A programación do Día das Letras Galegas tamén inclúe a presentación do libro-disco ‘Cancioneiro galego serodio’ de Xabier Díaz. Nesta obra, o músico pon o foco en músicas e líricas do último cuarto do século XX e do primeiro do actual século XXI. Un traballo de recolleita por toda Galicia que ofrece case 500 entrevistas ao longo de 30 anos salferidas de anécdotas, sorpresas e historias fantásticas, xunto con gran cantidade de audios orixinais recompilados. A presentación terá lugar o mércores 21 de maio, ás 19:30 horas, no centro sociocultural Mingos de Pita.


O luns 2 de xuño, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria desfrutará do espectáculo ‘Sen cantareiras non hai foliada’ de Montse Rivera. Este obradoiro pon en valor as mulleres que durante séculos cantaron en Galicia en galego, neste ano onde a Real Academia galega recoñece a súa contribución á nosa cultura inmaterial e tradicional. Ás 10 horas terá lugar a función para o alumnado do CEIP Martagona, é ás 12h, para o CEIP Nº1. Posteriormente, o xoves 5 de xuño, ás 10:30 horas, terá lugar unha función para o alumnado do CEIP Pastor Barral.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O xoves 19 de xuño, as cofundadoras do grupo Leilía Felisa Segade e Montse Rivera ofrecerán o espectáculo ‘Axudádeme a cantar’, destinado ao alumnado do IES de Melide e celebrado ás 10:30 horas no centro sociocultural Mingos de Pita. Neste espectáculo porán en valor a nosa tradición oral, actuando coma unha ponte entre o noso pasado e o noso presente, a través da rica historia da música galega.


Entre o 13 de maio e o 13 de xuño, pola súa banda, a entrada da Casa do Concello acollerá a exposición ‘Cantareiras: Poesía Popular Oral’, unha homenaxe e á vez un achegamento ás protagonistas do Día das Letras Galegas 2025.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page