top of page

O Concello de Arzúa presenta a programación do Ano Castelao

Inclúe homenaxes, teatro, conferencias e literatura para reivindicar a vixencia do pensamento e da obra do autor no 75 aniversario do seu pasamento


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa presentou a programación do Ano Castelao, un conxunto de actividades culturais que se desenvolverán entre novembro e decembro para homenaxear a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 75 aniversario do seu pasamento.


A concelleira de Normalización Lingüística, Lucía López, foi a encargada de dar a coñecer o programa, que inclúe actos institucionais, conferencias, teatro e presentacións literarias.

“Con esta programación queremos achegar á veciñanza de Arzúa ao coñecemento e á reflexión sobre Castelao, unha figura esencial para entender Galiza, que non só foi artista, escritor e pensador, senón tamén un político comprometido, adiantado ao seu tempo”, destacou López, quen lembrou que Castelao “foi quen de poñer a realidade galega e as problemáticas do pobo galego na axenda mediática e cultural da súa época”.

ree

A programación comezará o 15 de novembro, coa homenaxe ás Irmandades da Fala e o izamento da bandeira galega na área recreativa de Ribadiso, nun acto organizado en colaboración coa plataforma Vía Galega.


O 18 de novembro, na Casa de Correos, terá lugar a inauguración da escultura de homenaxe a Castelao, seguida da conferencia “Castelao e Arzúa”, a cargo de Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao. “É unha honra contar coa presenza de Miguel Anxo Seixas, un dos maiores coñecedores da vida e obra de Castelao, para compartir connosco esta ligazón entre a súa figura e o noso concello”, engadiu a concelleira.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

O 27 de novembro, a Capela da Madanela acollerá a representación teatral “Retrincos de Castelao”, dirixida a público xuvenil e adulto, con entrada libre ata completar aforo.

Por último, o 13 de decembro, a Libraría Anagrama será o escenario da presentación do libro Castelao, desta terra e deste tempo de Manuel Rei Romeu, nun coloquio aberto co autor.


“Falar de Castelao non é falar só do pasado, senón tamén do presente e do futuro. É falar do noso dereito a existir como nación no mundo”, concluíu Lucía López. Toda a información sobre os actos e horarios pode consultarse en www.arzua.gal.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page