top of page

O Concello de Arzúa pon en marcha o programa cultural “Outono a escena”

Dinamizará as fins de semana de outubro e novembro


Laura Moure/Arzúa

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa pon en marcha por décimo ano consecutivo o programa cultural Outono a escena que dinamizará as fins de semana dos meses de outubro e novembro con actuacións de artes escénicas e musicais para todos os públicos.


O certame ofertará trece propostas culturais repartidas nos dous meses. A programación terá como escenario principal o da Capela da Madanela que acollerá neste tempo diversos espectáculos para todos os públicos repartidos nos chamados Venres na Capela para público adulto e os Sábados en familia para público infantil e familiar. Este sábado, día 4 de outubro, ás 18:00 horas levarase a cabo a primeira función para público infantil e familiar co espectáculo de contacontos e música ao vivo O chintófano de Dorothé, unha representación a cargo de Sonsoles Penadique.

As propostas dos Sábados en familia traerán tamén unha función de teatro infantil o día 18. Desta vez a compañía Caramuxo Teatro representará a obra A nena que vivía nunha caixa de mistos.


No mes de outubro tamén se agardan outras propostas para público adulto, dentro dos Venres na Capela coas funcións de teatro a cargo de Talía Teatro con A parábola do angazo o día 10 e con Tarabela Creativa e o seu espectáculo Vaites, rapariga! o venres 24 de outubro. Ambas citas serán ás 21:00 horas.


Para pechar o mes, a Casa da Cultura acollerá o venres 31 un gran espectáculo de danza, poesía e música sobre a emigración. Titúlase Na cerna do son e chega a Arzúa da man de Gallaecia Eventos grazas á colaboración entre o Concello de Arzúa e a Deputación da Coruña para levar a cabo no noso municipio está función incluída no programa Outono das artes que impulsa o ente provincial.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A programación de Outono a escena continuará no mes de novembro con monólogo, teatro cómico e actividades dirixidas ao público escolar para conmemorar o Día do Infancia.


Todas as actuacións serán de acceso libre e gratuíto ata completar a capacidade.


O Concelleiro de Cultura, José Luís García, anima á veciñanza a “participar desta completa programación pensada para todos os públicos como lugar de encontro e entretemento nas tardes de outono”. Ademais, destaca “a importancia da colaboración cos centros educativos programando numerosas actividades en horario lectivo asegurando así a participación de centos de nenos e nenas na programación cultural do noso concello”.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page