top of page

O Concello de Arzúa e Deputación asinan un convenio para a mellora das instalacións deportivas

As actuacións permitirán actuar na piscina municipal e nas bancadas do campo de fútbol


Laura Moure/Arzúa

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, veñen de asinar un convenio de colaboración para o cofinanciamento das obras de reparación e mellora de distintas instalacións deportivas municipais. No acto participou tamén a concelleira Begoña Balado Conde.


 A achega provincial para as obras ascende a 159.997 euros, o que representa o 80% do orzamento total, que alcanza os 199.997 euros. A actuación permitirá intervir na piscina municipal e nas bancadas do campo de fútbol, que presentan danos derivados do paso do tempo. A execución destas obras é fundamental para evitar un maior dano nas infraestruturas e garantir que o Concello de Arzúa conte con instalacións deportivas en condicións óptimas de uso, explicou Formoso.

ree

O proxecto contempla unha intervención integral na zona da piscina exterior, que inclúe a demolición da praia perimetral existente, coa retirada da reixa e do actual sistema de desbordo. Executarase unha nova canaleta de bordo, renovarase a praia da piscina e levarase a cabo a impermeabilización e o revestimento tanto do vaso como da contorna, co obxectivo de mellorar a funcionalidade e a durabilidade da instalación. Ademais, mellorarase o acceso á sala das instalacións para facelo máis seguro.


 No campo de fútbol as actuacións centraranse principalmente nas bancadas. Ampliarase o voo da cuberta para protexer os asentos da choiva e substituirase o peche do lateral actual por un vidrado que protexa ás persoas usuarias das inclemencias meteorolóxicas. Ademais, levaranse a cabo reparacións na estrutura da cuberta, mediante a súa limpeza, imprimación e esmalte.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

O proxecto inclúe tamén a reparación da impermeabilización da lousa das bancadas, coa execución dunha nova base de morteiro e a colocación de gárgolas que permitan unha correcta evacuación da auga, evitando danos futuros.


 O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destacou a importancia deste investimento para o concello e agradeceu o apoio da Deputación da Coruña. “Falamos dunhas actuacións necesarias para garantir unhas instalacións deportivas seguras, accesibles e en boas condicións para a veciñanza. A piscina municipal e o campo de fútbol son espazos moi utilizados ao longo de todo o ano, e esta mellora permitirá prolongar a súa vida útil e ofrecer un mellor servizo”, sinalou.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Carril subliñou tamén que “a colaboración entre administracións é clave para que concellos como Arzúa poidan afrontar actuacións deste calibre”, e puxo en valor “o compromiso da Deputación coa mellora das infraestruturas públicas e coa calidade de vida nos concellos do rural”.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page