top of page

O Concello de Arzúa anima á veciñanza a participar na manifestación nacional pola lingua do 17 de maio

Está convocada por Queremos Galego e este Concello habilitará un autobús gratuíto


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa anima a toda a veciñanza a sumarse á manifestación nacional en defensa da lingua galega, convocada pola plataforma Queremos Galego para o vindeiro 17 de maio, ás 12 da mañá, en Santiago de Compostela, coincidindo co Día das Letras Galegas. A mobilización, que rematará cunha foliada popular na praza do Obradoiro, quere ser unha celebración a prol da lingua e da cultura popular, así como unha resposta firme fronte á emerxencia lingüística que vive Galiza.

A pasada semana o alcalde Xoán Xesús Carril, acompañado por Lucía López, concelleira de Lingua, Igualdade e Patrimonio, e Dani Moscoso, responsable da área de Mocidade e Xuventude, mantiveron un encontro co coordinador da plataforma Queremos Galego, Mario Maceiras. A reunión serviu para poñer en común a situación sociolingüística do galego no concello e para socializar e coordinar o traballo da plataforma, actualmente inmersa nos últimos preparativos desta grande reivindicación nacional.


O rexedor arzuán destacou que “a defensa da lingua non é só unha responsabilidade cultural, senón tamén política. Participar nesta mobilización é reafirmar que o galego non pode ser tratado como unha lingua secundaria. É a lingua propia do país e debemos defendela con feitos, garantindo os dereitos da veciñanza a empregala en todos os eidos da súa vida”.


Pola súa banda, a concelleira de Lingua, Igualdade e Patrimonio, Lucía López, agradeceu “todo o esforzo e traballo que está a facer a plataforma, e nomeadamente o seu coordinador, para garantir unha xornada de reivindicación e fraternidade”. Ademais, afirmou que “o Concello fará todo o posíbel por participar activamente para frear e reverter esta emerxencia lingüística e esta perda de falantes”.


López engadiu: “Reivindicar a lingua é tamén reivindicar a nosa cultura popular, que este ano homenaxea a milleiros de mulleres cantareiras que, desde a música, fixeron visible a importancia cultural que ten o galego para nós como pobo, así como o papel invisibilizado das mulleres na súa conservación e difusión ao longo da historia”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Para facilitar a asistencia, o Concello habilitará un autobús gratuíto, con saída prevista ás 11:00 horas desde o aparcadoiro da rúa de Lugo. As persoas interesadas poden inscribirse xa chamando ao número 626 798 289. Os horarios definitivos confirmaranse nos próximos días.


Desde o Concello animan á veciñanza a participar nesta xornada festiva e reivindicativa, “porque o galego é o noso maior patrimonio, a nosa máis grande obra colectiva, o que nos une como pobo.”




Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page