O Concello de Arzúa anima a participar na asemblea aberta do proceso Lingua Vital Xa
- Laura Moure

- hace 16 minutos
- 2 Min. de lectura
O portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, reuniuse co goberno municipal para presentar a recta final do proceso participativo e animar á cidadanía a asistir á asemblea do 14 de marzo en Compostela
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa recibiu onte a visita de Marcos Maceira, voceiro da plataforma Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que mantivo unha xuntanza co goberno municipal para compartir información sobre a recta final do proceso social Lingua Vital Xa e animar á participación na asemblea aberta convocada para este sábado, 14 de marzo, na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela.

Durante o encontro explicouse como se desenvolveu esta iniciativa participativa impulsada por Queremos Galego e apoiada por numerosas entidades sociais. Segundo indicou o portavoz da plataforma, o proceso busca promover unha resposta colectiva ante a actual situación da lingua galega e impulsar medidas que contribúan a reforzar o seu uso nos distintos ámbitos da vida social. Maceiras referiuse tamén ao protocolo que será presentado na asemblea aberta do 14 de marzo, un documento que recolle arredor de 300 medidas destinadas a reforzar o uso do galego en distintos ámbitos da vida social, económica e institucional.
Publicidade
Pola súa parte, a concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Arzúa, Lucía López, puxo en valor durante a xuntanza o importante traballo que se está a desenvolver desde a plataforma Queremos Galego na defensa e promoción da lingua galega, destacando o papel destas iniciativas sociais para reforzar o seu uso e presenza na vida pública.
PUBLICIDADE
Ante a actual emerxencia lingüística, na que día a día vemos como o galego perde falantes e espazos públicos, Lucía López sinalou tamén a importancia de que as institucións apoien e acompañen as iniciativas que traballan pola defensa da lingua.
“Desde as institucións temos a responsabilidade de apoiar e acompañar todas aquelas iniciativas que contribúan a fortalecer o uso do galego e a devolverlle o prestixio social que merece. Por todo isto, animamos á veciñanza de Arzúa a sumarse e participar nesta grande asemblea aberta que terá lugar o vindeiro 14 de marzo en Compostela”, concluíu.








Comentarios