Este terá lugar o domingo 12 de febreiro no Multiusos Terra do Queixo e haberá catro modalidades
Laura Moure/Arzúa
Con motivo do Entroido 2023 o Concello de Arzúa organiza un concurso o domingo 12 de febreiro ás 17:00h no Multiusos Terra do Queixo de Arzúa. Para fomentar a participación convócase un ano máis o tradicional concurso de disfraces que repartirá euros en premios. Haberá distintas categorías.
Para participar é obrigatorio inscribirse previamente no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa ou chamando ao 981500222 desde o día seguinte ao da publicación no BOP do extracto da convocatoria ata o xoves 9 de febreiro, en horario de 8:30 a 14:00h.Tamén se pode presentar solicitude de participación pola Sede Electrónica, mediante modelo de instancia xeral.
No momento da inscrición deberase indicar o número de compoñentes e o lema ou nome do disfraz para a identificación.
A inscrición efectuada por persoas físicas (sen ser en representación dunha persoa xurídica), para participar en grupo ou comparsa, determinará a asunción pola dita persoa de todas as obrigas que derivan da obtención dos premios, incluídas as de índole fiscal. Ditas persoas previamente á participación asinarán declaración responsable ao respecto, presentarán documentación acreditativa da personalidade, cumprimento de requisitos para ser beneficiario dos premios, así como certificado de conta bancaria na que efectuar o ingreso, de corresponder.
Catro categorías
Haberá catro categorías: – Comparsa: conxunto de persoas formado por un mínimo de nove compoñentes representando un mesmo motivo. – Grupo: conxunto de persoas de entre dous e oito compoñentes representando un mesmo motivo. – Individual infantil: nesta modalidade poderán participar nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e 17 anos. – Individual adulto: nesta modalidade poderán participar persoas de 18 anos en diante. A mesma persoa non poderá participar en máis dunha categoría.
Os premios establecidos polo Departamento de Cultura son:
Comparsas 1º: 550 € 2º: 300 € 3º: 150 €
Grupos 1º: 300 € 2º: 200 € 3º: 120 €
Individual Infantil 1º: 120 € 2º: 80 €
Individual Adulto 1º: 120 € 2º: 80 €
O xurado tamén concederá un premio simpatía de 100 euros a un grupo ou comparsa do municipio que non acadara ningún dos premios anteriores e que sume a maior puntuación no apartado “simpatía” da valoración do xurado.
Valoracións
A cualificación das distintas modalidades será determinada polo xurado do concurso que estará composto por catro representantes nomeados polo Departamento de Cultura do Concello de Arzúa. Durante o desenvolvemento do concurso, o xurado valorará:
Comparsas e Grupos:
– Vestiario e maquillaxe 0 a 4 puntos – Traballo feito a man 0 a 2 puntos – Emprego de materiais de refugallo 0 a 2 puntos – Orixinalidade 0 a 3 puntos – Coreografía e música 0 a 3 puntos – Organización e efecto do conxunto 0 a 3 puntos – Simpatía (interacción co público) 0 a 5 puntos
Disfraces Individuais (infantís e adultos): – Orixinalidade do vestiario 0 a 4 puntos – Traballo feito a man 0 a 2 puntos – Emprego de materiais de refugallo 0 a 2 puntos – Maquillaxe 0 a 2 puntos – Simpatía (interacción co público) 0 a 5 puntos
Os participantes deberán presentarse no Multiusos Terra do Queixo como mínimo media hora antes do inicio pasando pola mesa de control xunta o escenario para recibir a orde de actuacións. A participación desenvolverase sobre escenario (co público sentado) cun tempo máximo de 5 minutos. As medidas do escenario serán de 8 metros de fondo x 15 metros de ancho con rampa de acceso de 2,5 metros de ancho.
Os participantes que precisen de música específica para a actuación deberana enviar por correo electrónico en formato .mp3 a cultura@concellodearzua.com ou indicar o título da canción e o nome do grupo/artista antes de que remate o prazo de inscricións. Os premios serán aboados mediante transferencia bancaria e a entrega simbólica dos mesmos terá lugar o mesmo día de celebración do concurso, unha vez feita a avaliación polo xurado.
A orde de actuación será coincidindo coa orde de inscrición nas diferentes modalidades (individual infantil, individual adulto, grupos e comparsas). A participación no concurso supón a aceptación destas bases, sendo a decisión do xurado inapelable. Os presentes premios serán outorgados con cargo á partida orzamentaria 334.480.02 do vixente orzamento na data do concurso, ata o límite de 2.120 euros. Os premios levarán consigo a retención en concepto de IRPF, que resulte da aplicación segundo as normas contidas na normativa reguladora do imposto.
Os interesados poden consultar as bases no seguinte enlace:
Comments