top of page

O Concello de Arzúa presenta a programación do 8 de marzo baixo o lema “Arzúa en Igualdade”

A campaña desenvolverase ao longo do mes de marzo cunha proposta que integra acción pública e educación en igualdade


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa, a través da Concellería de Igualdade, presentou a programación con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, baixo o lema “Arzúa en Igualdade” e coa declaración institucional “Agora e sempre, nin un paso atrás”. O acto estivo encabezado pola concelleira de Igualdade, Lucía López, que presentou o cartel da campaña xunto á súa autora, Andreea Birsanu, veciña de Arzúa e coñecida profesionalmente pola súa labor artística como Silvatiica. Na presentación estiveron tamén presentes varias veciñas do municipio, reforzando o carácter colectivo da iniciativa.


Durante a súa intervención, a concelleira subliñou que a igualdade continúa sendo un reto social que require acción pública sostida no tempo. Por este motivo, explicou, o 8M concíbese desde o Concello como unha xornada de reivindicación que reforza o compromiso institucional coa defensa dos dereitos das mulleres e coa aplicación de medidas concretas en favor da igualdade, e de visibilización e empoderamento feminino. 

A programación estrutúrase arredor do propio 8 de marzo como eixo central, ampliando a súa acción ao longo do mes mediante actividades que combinan presenza no espazo público, traballo educativo, participación cidadá e propostas culturais. A igualdade, tal e como se indicou durante a presentación, require planificación, recursos e continuidade. O cartel da campaña, deseñado pola artista arzuá Silvatiica, integra elementos simbólicos vinculados á memoria histórica das loitas feministas e á reivindicación contemporánea. Desde o Concello púxose en valor a colaboración co talento creativo local como parte integrante das políticas culturais e sociais do municipio.


Un lema que responde ao contexto actual

Durante a presentación, a concelleira de Igualdade, Lucía López, subliñou que “estamos nun momento histórico no que, por primeira vez en anos, se están cuestionando publicamente dereitos básicos das mulleres, tanto desde determinados espazos mediáticos como desde algunhas organizacións políticas”.


López advertiu de que “se está difundindo desinformación sobre desigualdades que son reais e que afectan directamente ao día a día das galegas”. Segundo detallou, “falamos de cuestións materiais, como a fenda salarial ou as taxas de desemprego feminino, pero tamén de dimensións culturais e simbólicas: os micromachismos, os cuestionamentos permanentes sobre os nosos corpos ou a normalización de discursos que branquean a violencia contra as mulleres”.


A concelleira explicou que, neste contexto, “o lema ‘Agora e sempre, nin un paso atrás’ expresa con claridade a necesidade de defender os dereitos conquistados e de continuar avanzando con políticas públicas firmes e sostidas no tempo.


"Un compromiso que se constrúe cada día

Coa campaña “Arzúa en Igualdade”, o Concello reafirma a súa responsabilidade institucional na promoción dunha sociedade máis xusta, na que as mulleres conten cos mesmos dereitos e oportunidades. 

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O 8 de marzo é unha data de referencia, mais o traballo pola igualdade require continuidade. Supón planificación pública, coordinación institucional, recursos e implicación cidadá. “A igualdade constrúese colectivamente e día a día”, concluíu Lucía López. “Como administración local temos a obriga de impulsar políticas que garantan dereitos e de promover espazos que permitan avanzar cara a igualdade real entre homes e mulleres”.


Desde o Concello de Arzúa convídase á veciñanza a participar nas actividades programadas e a formar parte activa desta tarefa compartida.


RESUMO DA PROGRAMACIÓN

8 de marzo · Pedaladas pola igualdade

A programación arrancará o propio 8 de marzo coa actividade “Pedaladas pola igualdade”, unha ruta circular de 4 quilómetros polos arredores de Arzúa, de baixa dificultade e aberta a todos os niveis. A saída terá lugar ás 11:00 horas desde a Praza de Galiza. As persoas participantes deberán traer bicicleta. Rematará de volta na Praza de Galiza cun petisco e afasallos para as persoas participantes.  A iniciativa promove unha acción colectiva no espazo público como forma de visibilizar a data e reforzar a participación cidadá nun formato accesible e interxeracional.


9 de marzo · “Elas… Referentes!” en Radio Arzúa

O domingo 9 de marzo, ás 11:00 horas, Radio Arzúa emitirá un programa especial baixo o título “Elas… Referentes!”, coa participación de mulleres do municipio. O espazo estará conducido por Lidia Veiga e pola concelleira de Igualdade, Lucía López, e nace coa finalidade de recoñecer traxectorias femininas locais e contribuír á construción dunha memoria colectiva desde unha perspectiva de xénero. Segundo explicou López, “dar visibilidade ás mulleres do noso municipio é tamén fortalecer referentes e recoñecer achegas fundamentais para o desenvolvemento social e económico da nosa comunidade”.


Educación en igualdade nos centros de ensino

A campaña inclúe tamén actividades nos centros educativos do municipio, concretamente no IES de Arzúa e na EFA Piñeiral, en formato de charla-coloquio. Estas sesións contarán coa participación de Lidia Veiga, actriz, e Andrea González, docente e emprendedora local. O obxectivo é achegar referentes femininos ao alumnado e fomentar unha análise crítica sobre os roles de xénero e a igualdade de oportunidades. A concelleira de Igualdade destacou que “a educación é un dos piares fundamentais para consolidar unha sociedade máis xusta, baseada no respecto, na corresponsabilidade e na igualdade real”.

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!
Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!

14 de marzo · Revirando a tradición

O 14 de marzo, ás 17:00 horas, a Casa das Mulleres acollerá o obradoiro “Revirando a tradición: cantigas con voz de muller”, impartido por Branca Villares, artista, docente e investigadora. A actividade combinará canto e pandeireta nun formato participativo que permitirá revisar coplas tradicionais desde unha perspectiva feminista, reflexionando sobre o papel das mulleres na transmisión cultural e sobre a presenza de estereotipos de xénero no patrimonio oral.


21 de marzo · Puntadas de rebeldía

O 21 de marzo, de 11:30 a 14:00 horas, a Casa das Mulleres acollerá o obradoiro “Puntadas de rebeldía: bordando para a igualdade”, impartido por Lúa Mosquetera. O obradoiro ofrecerá formación en técnicas básicas de bordado, tradicionais e contemporáneas, combinando aprendizaxe creativa e reflexión colectiva arredor do feminismo e da visibilidade das mulleres. A actividade será gratuíta, con inscrición previa a través do CIM.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page