O certame celebrarase o 20 de febreiro e haberá un total de catro categorías
Laura Moure/Arzúa
Con motivo do Entroido 2022 o Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza un concurso de disfraces para o domingo 20 de febreiro ás 17:00 horas no Multiusos Terra do Queixo. Para fomentar a participación convócase este certame con máis de 2.000 euros en
premios para repartir entre catro categorías.

Despois de non celebrarase o ano pasado debido á pandemia, retómase nesta ocasión un certame que mantén a mesma distribución das diferentes categorías. Poderanse presentar, polo tanto, comparsas dun mínimo de nove compoñentes optando a premios de 550, 300 e 150 euros. Haberá un apartado de grupos de entre dúas e oito persoas con tres premios que ascenden a 300, 200 e 120 euros. Por último, establécense dúas categorías individuais, unha infantil de 0 a 17 anos e outra para adultos de 18 anos en diante. Os premios son de 120 e 80 euros para os primeiros e segundos postos, respectivamente de cada modalidade. Co fin de fomentar a participación local, mantense o premio Simpatía
dotado de 100 euros dirixido a unha comparsa ou grupo do municipio que non acadara ningún dos premios anteriores e que sume a maior puntuación no apartado simpatía da valoración do xurado.
Gala presentada por Xan Veiga
Como novidade, para dar debido cumprimento das medidas sanitarias, o concurso celebrarase co público sentado e cos participantes facendo a súa intervención sobre escenario nunha gala que estará presentada polo humorista arzuán Xan Veiga.
Necesaria a inscrición
Para participar no concurso hai que inscribirse previamente no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa ou chamando ao 981 500 222 ata o 17 de febreiro, en horario de 8:30 a 14:00 horas. Poden solicitar máis información ou consultar as bases que rexen o concurso no Departamento de Cultura ou no web arzua.gal.
Dende o Departamento de Cultura anuncian que nos próximos días darase a coñecer a programación completa que estará adaptada para garantir o cumprimento das medidas vixentes de protección fronte á Covid-19.
Comentarios