O Colectivo Veciñal Berce do Ulla reúnese co alcalde de Palas de Rei para falar das plantas de biogás
- ecosdacomarca
- hace 2 días
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Palas de Rei
Este xoves, dous representantes do Colectivo Veciñal Berce do Ulla mantiveron unha reunión co alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada. "Durante o encontro, presentámonos como unha asociación comarcal, apartidista e en defensa do territorio, e fixemos un repaso á situación actual dos proxectos de macroplantas de biogás que ameazan a comarca da Ulloa", recalca o colectivo.
O alcalde sinalou, segundo este colectivo, que non hai actualmente proxectos presentados no Concello de Palas de Rei, aínda que recoñeceu que si houbo consultas informais sobre posibles instalacións industriais deste tipo. En canto á súa postura, declarou que non se pronunciará ata coñecer un proxecto concreto.

"Recordámoslle que este tipo de plantas non procesan só xurros, senón tamén restos de despezamento animal, lodos de depuradora e outros residuos, o que pode ter un impacto significativo sobre o medio e a saúde pública. Mostrou a súa sorpresa ao coñecer esta información. Tamén manifestou dúbidas sobre as competencias reais dos Concellos para autorizar ou vetar este tipo de instalacións. Nese sentido, foi o propio alcalde quen indicou que, pola elevada contía da inversión que moitas destas plantas manexan - por riba dos 20 millóns de euros -, poderían ser declaradas pola Xunta como proxectos industriais estratéxicos, limitando así a capacidade de decisión municipal".
Desde Berce do Ulla deixáronlle claro que este tipo de empresas "están a buscar instalación en concellos pequenos, con poboación envellecida e sen estrutura técnica axeitada, precisamente para evitar oposición veciñal e análise crítica, e que son os alcaldes e alcaldesas a principal porta de entrada destas iniciativas".
Publicidade
Así mesmo, lembráronlle que a veciñanza estase organizando a nivel estatal a través da Coordinadora Stop Biogás, e que teñen solicitadas reunións cos distintos grupos políticos da comarca da Ulloa.
Por último, chama á participación na mobilización convocada para hoxe, sábado 31 de maio, ás 12:00 horas diante do edificio da Xunta en Lugo, en defensa do territorio, da saúde das persoas e dun rural vivo fronte ao modelo contaminante das macroplantas.
Comments