top of page

O ciclo Outono das artes levará en novembro o documental “Bravú XXX” a Arzúa e Melide

Proxectarase en 25 concellos da provincia da Coruña


Laura Moure/Xeral

"Bravú XXX", documental producido por Nós Televisión para conmemorar o 30º aniversario dese movemento musical, poderá verse no vindeiro mes de novembro en 25 pequenos e medianos concellos da Coruña, co apoio da Deputación. O filme —incluído na programación do ciclo Outono das Artes, que organiza o departamento provincial de Cultura—, chegará a auditorios, edificios de usos múltiples, casas de cultura, bibliotecas, centros sociais, culturais e de ensino de Rois, Zas, Ordes, Culleredo, Sada, Curtis, Porto do Son, Miño, A Laracha, Carral, Neda, Negreira, Muros, Outes, San Sadurniño, Betanzos, Arzúa, Ribeira, Cedeira, Corcubión, Malpica, Melide, Carnota, Boiro e Muxía. Todas as proxeccións serán de balde.

A deputada de Cultura, Natividade González, presentou onte na sede provincial o calendario de pases, nunha rolda de prensa na que a acompañaron o condutor e un dos guionistas do filme, Xurxo Souto, e a directora, produtora e tamén guionista do documental, Ana Viqueira. "Estamos falando dun movemento que marcou historia no mundo da música deste país, do que seguen bebendo moitos dos nosos músicos e músicas de agora", afirmou González. "Por iso", engadiu, "no departamento provincial de Cultura non podiamos menos que sumarnos á celebración deste aniversario e facilitar que o documental se poida ver por todo o territorio coruñés".


Ana Viqueira agradeceu "a oportunidade de que o filme se proxecte, dentro do ciclo Outono das artes, en 25 concellos, pequenos e medianos, de forma aberta, de balde, para que toda a sociedade poida velo e desfrutalo e que a música e a cultura sexan un dereito e non un privilexio, como ben di o lema da área de Cultura da Deputación". A directora referiuse á principal tarefa que tiveron por diante á hora de realizar o documental: "facelo desde a perspectiva do propio movemento bravú, que foi unha forza cultural, musical e colectiva que o revolucionou todo".


Publicidade

Preme na imaxe se queres obter máis información.

Xurxo Souto reiteroulle os agradecementos á Deputación "por ponderar e difundir este gran cántico colectivo". "Desde logo", continuou, "hai trinta anos non pensabamos que a Deputación nos ía apoiar, pero si nos apoiou esta, que, como representación de todas, fixo de altofalante para este cántico". Para o músico e profesor, o documental e a xira de proxeccións "son unha celebración da creatividade, pero da creatividade en colectivo, que é a clave de todo, a forma subversiva". "O filme é xa fermosísimo desde a forma, en clave total de modernidade, cun acabado extraordinario, con momentos absolutamente emocionantes", rematou.


"Bravú XXX" é un documental con formato de filme de estrada no que Xurxo Souto invoca o 'cosmos' e o espírito do movemento trinta anos despois do se nacemento. O que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto emprende unha viaxe que nos achega ao bravú, conectándoo e explicándoo desde dentro da historia musical de Galicia, e abordándoo coma unha viaxe colectiva, espontánea, honesta e aberta a todas e todos os espectadores. A ruta de Souto fai paradas para conversar con Paola Beiro (das Garotas da Ribeira), Nuno Pico (de Grande Amore), Xosé Manuel Pereiro (o Johnny Rotring de Radio Océano), Sés e Vacalouroas, tamén protagonistas ou herdeiros do bravú e mesmo algún 'crítico' gañado de vez e con entusiasmo para a causa.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

As proxeccións

  • 4 de novembro. Rois. CPI Os Dices. 16.45 h.

  • 6 de novembro. Zas. IES Maximino Romero de Lema, en Baio. 12.45 h.

  • 7 de novembro. Ordes. Auditorio da Casa da Cultura. 20.00 h.

  • 8 de novembro. Culleredo. Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. 19.30 h.

  • 8 de novembro. Sada. Capela de San Roque. 20.00 h.

  • 8 de novembro. Curtis. Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro. 21.00 h.

  • 8 de novembro. Porto do Son. Casa da Cultura de Portosín. 21.00 h.

  • 9 de novembro. Miño. Auditorio do Centro Social da Rúa. 19.30 h.13 de novembro. A Laracha. Casa da Cultura. 13.00 h.

  • 14 de novembro. Carral. Casa da cultura. 20.00 h.

  • 14 de novembro. Neda. Biblioteca Municipal 19.00 h.

  • 14 de novembro. Negreira. Auditorio Afonso Eanes de Cotón. 20.30 h.

  • 15 de novembro. Porto do Son. Casa da Cultura de Porto do Son. 21.00 h.

  • 16 de novembro. Muros. Centro Cultural e xuvenil. 20.30 h.

  • 16 de novembro. Outes. Auditorio da Casa da Cultural. 20.00 h.

  • 16 de novembro. San Sadurniño. Casa da cultura. 19.30 h.

  • 16 de novembro. Betanzos. Cine Alfonsetti. 20.00 h.

  • 19 de novembro. Arzúa. EFA Piñeiral. 12.20 h.

  • 21 de novembro. Ribeira. Auditorio Municipal. 11.30 h.

  • 21 de novembro. Cedeira. Auditorio Municipal. 11.30 h.

  • 22 de novembro. Corcubión. Capela de Pilar. 20.00 h.

  • 23 de novembro. Malpica. Auditorio do Centro Cívico. 20.00 horas

  • 29 de novembro. Melide. Centro Sociocultural Mingos de Pita. 20.00 h.

  • 29 de novembro. Carnota. Salón de actos do Concello. 21.00 h.

  • 30 de novembro. Boiro. Centro Social. 19.30 h.

  • 30 de novembro. Muxía. Salón do Voluntariado. 20.00 h

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page