O BNG denunciou o impacto ambiental do proxecto Gama de Altri no encoro de Portodemouros
- ecosdacomarca
- 28 mar
- 3 Min. de lectura
A conselleira de Medio Ambiente lembra que "a solicitude desta captación de auga está a ser analizada de xeito rigoroso e que só se autorizará se cumpre co plan hidrolóxico Galicia-Costa"
Ecos da Comarca/Xeral
Durante a sesión plenaria desta semana, a deputada do Bloque Nacionalista Galego, Montse Valcárcel, expresou preocupación polo impacto ambiental "potencialmente devastador do proxecto Gama de Altri no encoro de Portodemouros". "O proxecto, que busca unha concesión de augas por 75 anos para captar 46 millóns de litros diarios, podería non só comprometer os recursos hídricos críticos da rexión, senón tamén afectar negativamente a calidade da auga no río Ulla e na ría de Arousa", tal e como recalca.
Valcárcel destacou que a macrocelulosa "non só consumiría unha cantidade significativa de auga, equivalente ao consumo diario de toda a provincia de Lugo, senón que tamén devolvería unha parte substancial como residuos, contribuíndo á eutrofización e afectando a biodiversidade acuática na zona". Salientando as preocupacións sobre a declaración de impacto ambiental recente, Valcárcel cuestionou a efectividade das medidas propostas para mitigar os impactos ambientais, facendo referencia ás prácticas previas de Altri no río Texo en Portugal.

Ademais, a deputada nacionalista subliñou que o proxecto de Altri "contradí a orde de preferencia establecida no Plan Hidrolóxico de Galiza, priorizando usos industriais sobre abastecemento e usos ambientais". Con base nos obxectivos ambientais da Directiva Marco da Auga e no contexto do cambio climático, Valcárcel instou á Xunta de Galiza a reconsiderar a súa apropiación do proxecto, sinalando "os riscos potenciais para o abastecemento humano e a sustentabilidade dos recursos hídricos na zona".
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, a melidense Ángeles Vázquez, instou ese mesmo día no Parlamento "a deixar traballar aos técnicos de Augas de Galicia que están a analizar a solicitude de captación de auga de Greenfiber no encoro de Portodemouros, pois están a facer unha avaliación rigorosa e unicamente a aprobarán se o proxecto cumpre co Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa, como se fai con todas as iniciativas deste tipo".
Publicidade
A responsable autonómica lembrou en resposta a unha pregunta parlamentaria que na tramitación desta concesión "se realiza unha análise en profundidade dos recursos dispoñibles tendo en conta o efecto do cambio climático segundo os escenario que recolle o Plan Hidrolóxico da Demarcación Galicia-Costa para o ano 2021-2027". Mesmo se se concedese a autorización, indicou, poderían establecerse condicionantes ao promotor, que estaría obrigado a cumprir.
Neste sentido, subliñou que "a auga que prevé captar a empresa non se consume na súa totalidade, senón que unha parte moi importante se devolve ao río (os vertidos) tralo correspondente tratamento nunha estación depuradora. De feito, de acordo cos informes dispoñibles, o caudal real que se prevé consumir sería como máximo o 5% do que circula polo río no mes máis seco de todos os datos que hai dispoñibles".
De feito, detallou a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, "as estimacións realizadas apuntan a que nun agosto medio o consumo de auga polas instalacións de Greenfiber sería de arredor do 2% do caudal que circula polo río". Por iso, Ángeles Vázquez instou aos partidos da oposición "a deixar de poñer en dúbida o traballo dos técnicos da Xunta pois o procedemento garante completamente o cumprimento da normativa vixente e vela en todo momento polos intereses do conxunto da cidadanía galega". Nesta liña, pediu que poñan fin "á difusión de mentiras que poñen en dúbida o exhaustivo labor e o rigor técnico dos funcionarios do Executivo galego, que teñen como único fin velar porque todos os proxectos que se aproban en Galicia cumpren co que establecen as normas ambientais que lle son de aplicación".
Comments