top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O BNG de Lalín demanda accións inmediatas para activar a atención presencial en Atención Primaria

Levará a pleno unha moción para solicitar isto e tamén para aumentar no centro de saúde de Lalín o número de profesionais e incorporar as categorías profesionais imprescindibles


Ecos da Comarca/Lalín

O BNG de Lalín pedirá no vindeiro pleno realizar de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial en Atención Primaria para dar resposta ás demandas de atención pola Covid 19, mais tamén ao resto das patoloxías e rematar coas listas de espera neste nivel asistencial, co persoal e as medidas de prevención de contaxios precisos, para garantir unha atención sanitaria digna á poboación. Incide na importancia de establecer protocolos claros e unificados para a atención presencial de doentes para toda a Atención Primaria.

Francisco Vilariño, voceiro do BNG de Lalín.

Ao mesmo tempo demanda aumentar no centro de saúde de Lalín o número de profesionais que sexa preciso para permitir aumentar o tempo e a calidade da atención asistencial así como incorporar as categorías profesionais imprescindíbeis para formar equipos multidisciplinares e prestar unha atención integral. E publicar de inmediato a situación das listas de espera hospitalarias e poñer en marcha un plan de choque para reducilas.


"No pasado mes de outubro de 2020, o pleno municipal a instancias do BNG, aprobou

unha moción na que solicitaba á Xunta de Galiza a reactivación da asistencia presencial

no noso centro de saúde de Lalín. Pasados xa nove meses nada se fixo por parte da

administración galega para desconfinar a nosa atención primaria", recorda o partido nacionalista lalinense.


A Covid puxo ao límite o sistema sanitario

Recalca que esta pandemia ocasionada polo Covid puxo ao límite o noso sistema sanitario. "Puxo en evidencia o preciso que é investir en saúde e as repercusión dos 11 anos de recortes aos que someteu o PP ao sistema sanitario e que converteron a nosa área de Lalín na zona cero da desfeita sanitaria". Apunta que a Covid 19 puxo de relevo que precisamos un sistema sanitario público forte, cunha Atención Primaria reforzada como porta de entrada, sen recortes, que permita responder ás necesidades de saúde da poboación e na que o persoal sanitario conte con recursos para que as persoas doentes poidan recibir a atención que precisan en cada momento e estar ben dimensionado para abordar as emerxencias sanitarias cando xurdan.


"Diante da pandemia a Xunta tomou a decisión de reducir drasticamente a asistencia

presencial, restrinxir consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas nos

hospitais. A decisión que tomou o Sergas foi que a atención se centraran preferentemente na consulta telefónica, isto está ocasionando moitas dificultadas aos profesionais para poder prestar a asistencia sanitaria pero especialmente á poboación pola falta de acces á

mesma".


"Á situación de sobrecarga de traballo que padecían os profesionais da Atención Primaria

previa ao coronavirus fóronlle engadindo tarefas de diagnóstico, seguimento, illamento,

identificación por coronavirus e funcións de rastrexo. Lembrar que non son poucos os días

ao longo do ano que o noso Centro de Saúde é atendido por moitos menos profesionais

dos que están asignados, chegando en varias ocasións e estar menos da metade de

plantilla", lamenta. "Unha sobrecarga da atención telefónica e da carga burocrática: teléfonos colapsados, o persoal administrativo, os celadores ao límite, soportando unha presión tremenda, é imposíbel xestionar tanta chamada como a que se produce".


As consecuencias, tal e como indica, "son desastrosas, escasísimos profesionais, que están ao límite, cun esgotamento físico e mental insoportábel, listas de espera de semanas, incluso para unha consulta telefónica, doentes crónicos descompensados (persoas hipertensas, diabéticas, con cardiopatías, problemas renais, controis de saúde de pediatría con moitas demoras). As demoras para acceder ás prestacións hospitalarias (consultas, probas diagnósticas, intervencións cirúrxicas) que xa eran tremendamente altas, non fan máis que aumentar; seguen sen publicarse as listas de espera que tiñan que terse feito públicas no mes de xullo".


Asegura que esta situación está xerando que cada vez máis persoas estean acudindo á sanidade privada, "diante da falta de resposta na sanidade pública, e desprotección da poboación con menos recursos". " A resposta á situación de pandemia non pode estar baseada en incrementar as restricións de acceso á asistencia ao sistema público, porque supón un claro risco para a saúde da poboación. Esta situación pode levarnos a un problema de saúde colectiva, de cronificación de patoloxías, de atención tardía...".


E insiste en que "é preciso desconfinar a sanidade pública e reactivar a atención presencial con máis persoal, máis información e máis accesibilidade. É preciso dar resposta ás demandas de atención pola Covid 19, mais tamén ao resto das patoloxías".


0 comentarios

Kommentarer


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page