top of page

O BNG aborda en Palas de Rei a situación das farmacias de garda e o deterioro da sanidade pública

25 sept
2 min de lectura

Montse Prado e Rubén Lois reclaman unha organización das gardas farmacéuticas que garanta a atención á veciñanza e advirten do deterioro planificado da sanidade pública


Ecos da Comarca/Palas de Rei

O BNG celebrou este mércores en Palas de Rei unha charla aberta sobre a situación das farmacias de garda e da sanidade pública, na que participaron o responsable local do BNG, Rubén Lois, e a portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado.


Durante o encontro abordouse a problemática que provoca a actual organización das quendas das farmacias de garda, especialmente no rural, onde unha persoa que acode a un Punto de Atención Continuada pode verse obrigada posteriormente a percorrer máis de 60 quilómetros para poder adquirir a medicación que lle acaba de ser prescrita.

Montse Prado explicou a iniciativa presentada polo BNG no Parlamento galego para reclamar que exista sempre unha farmacia de garda na localidade na que estea situado un PAC ou un servizo de urxencias, garantindo así a continuidade entre a atención sanitaria e a dispensación dos medicamentos.


A formación nacionalista advertiu de que a situación actual pode provocar percorridos dificilmente asumibles para a poboación rural, especialmente para as persoas maiores, para quen non dispón de vehículo propio ou para quen ten que recorrer a un taxi.

 

Prado incidiu en que as oficinas de farmacia, aínda sendo de propiedade privada, prestan un servizo de interese público e constitúen o último elo do proceso asistencial, polo que a súa planificación debe responder ás necesidades da poboación e garantir a equidade no acceso aos medicamentos.


A charla serviu tamén para analizar o deterioro da sanidade pública galega e as dificultades específicas que sofre a atención sanitaria no rural.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Montse Prado foi contundente ao sinalar que a situación actual “non é froito da casualidade nin apareceu dun día para outro”, senón que responde, segundo defendeu, a unha planificación política continuada de debilitamento do sistema público.


“Non foi un tsunami quen levou os médicos e as médicas dos centros de saúde. Existe unha planificación para facerlle unha voadura á sanidade pública, deteriorala e facilitar que quen poida pagar busque unha alternativa na sanidade privada”, afirmou Prado.


A portavoz nacionalista puxo o foco no valor da sanidade pública como elemento esencial de igualdade e cohesión social: “A sanidade pública iguálanos ante a enfermidade. Non pregunta canto gañamos, onde vivimos ou canto diñeiro temos no banco. Garante que todas e todos teñamos dereito a ser atendidos cando enfermamos”.


Prado defendeu por iso a necesidade de reforzar a Atención Primaria e recuperar recursos e profesionais, particularmente nos concellos rurais, onde as distancias e o envellecemento da poboación fan aínda máis necesaria unha rede sanitaria próxima e accesible.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Pola súa banda, Rubén Lois destacou a importancia de levar este debate directamente á veciñanza de Palas de Rei e abordar a sanidade desde a realidade concreta dos concellos rurais. “Vivir no rural non pode significar ter menos dereitos, o rural precisa unha descriminación positiva. Precisamos servizos públicos pensados tamén para a realidade de concellos como Palas de Rei”, sinalou Lois.


O BNG defendeu durante o encontro unha sanidade pública universal, próxima e de calidade e unha organización das farmacias de garda adaptada ás necesidades reais da poboación.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page