O alcalde de Rodeiro comunícalle a Educación a problemática de gastos no colexio de Camba
- ecosdacomarca
- 15 feb
- 2 Min. de lectura
"Este Concello vén asumindo dende hai moitos anos importes moi elevados correspondentes aos gastos que orixina dita instalación educativa sen ser competencia desta administración municipal", recalca José Luis Camiñas
Ecos da Comarca/Rodeiro
O alcalde de Rodeiro, José Luis Camiñas, enviou onte un escrito dirixido ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, con motivo da problemática existente en relación á atención dos gastos de mantemento e reparacións varias do CPI Plurilingüe de Rodeiro.

"Este Concello vén asumindo dende hai moitos anos importes moi elevados correspondentes aos gastos que orixina dita instalación educativa (reparacións da caldeira de calefacción, substitución de luminarias, traballos varios de albanelería e pintura, pechaduras, rotura de sanitarios e un longo etcétera), unido ao pago das diferentes subministracións (electricidade, auga, lixo). Todo elo sen ser competencia desta administración municipal por canto dita instalación é de exclusiva titularidade autonómica, amais de prestarse nela estudos de secundaria".
Publicidade
Somos conscientes, indica Camiñas, "que esa Consellería vén de realizar obras importantes en dita instalación pero as necesidades actuais dela exceden o esforzo xa realizado que, en calquera caso, este Concello non pode menos que agradecer. Este Concello está a recibir continuas demandas e inaceptables presións por parte da Dirección do Centro esixindo o abono de gastos cada vez máis cuantiosos, dado que a instalación, pola súa antigüidade, demanda continuas necesidades. Este Concello non está en disposición de atender máis gastos relativos á mesma por canto está a prexudicar a atención doutras necesidades municipais que constitúen servizos mínimos obrigatorios para o Concello".
Unido o anterior, sinala que "os servizos xurídicos municipais informan desfavorablemente eses gastos por non ser da nosa competencia e a Intervención formula reparos suspensivos a cada gasto que se realiza no CPI, co prexuízo que dita situación ocasiona aos eventuais provedores á hora de percibir os importes facturados. O Concello quere obviamente o mellor colexio para Rodeiro e está orgulloso del en termos de funcionamento académico e excelencia, pero isto non obsta para que demandemos que non se nos obrigue a soportar unha carga económica tan elevada nun concello pequeno como o noso con escasos recursos orzamentarios, por canto ocasiona un claro prexuízo para os veciños ao ter que priorizar dito gasto con respecto a outras moitas necesidades básicas".
Por tales motivos o mandatario considera imprescindible que o CPI dispoña de consignacións axeitadas, con cargo aos orzamentos autonómicos, que lle permitan afrontar eses gastos non menores coa maior urxencia, ou ben que dende a Consellería se realicen transferencias finalistas ao Concello para dita finalidade en contía suficiente para atender ditas necesidades. "Ata que dita circunstancia non se produza, o Concello vai seguir atendendo de xeito provisional o abono das subministracións periódicas que está a satisfacer, pero deixará de asumir a partires desta data, agás en supostos de excepcional urxencia debidamente acreditada, calquera outro gasto ordinario ou extraordinario en concepto de mantemento e/ou reparacións da dita instalación educativa. Esta Alcaldía manifesta a súa completa disposición a acudir a calquera reunión que se poida convocar por esa Consellería coa finalidade de acadar unha solución definitiva e acordada entre ambas administracións respecto da problemática exposta".
Comments