Laura Moure/Arzúa

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, fíxose eco da demanda de nais e pais usuarios da Escola Infantil “Galiña Azul”, dependente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da Xunta de Galiza, reclamando melloras estruturais urxentes no edificio. O rexedor achegouse á Escola Infantil para comprobar in situ a situación que se está a vivir nos últimos días neste centro.
Publicidade
“Coa chegada da intensas choivas dos últimos días está a entrar auga no edificio, en concreto por unha zona de luminarias, unha situación que pon en risco o benestar e a seguridade das crianzas e do persoal do centro,” explicou o alcalde nacionalista. “Desde o Concello fai un mes que lle solicitamos unha reunión ao Xerente do Consorcio para falarmos de varias cuestións que atinxen á Escola Infantil así como tamén do que ten a ver coa demanda dun Centro de Día no noso Concello. A día de hoxe seguimos sen resposta pola súa parte,” denuncia o mandatario.
Publicidade
Desde a Alcaldía de Arzúa informan que este mesmo xoves remitiron, de novo, unha solicitude de reunión á Xerencia do Consorcio, anexando fotografías do estado en que se atopa a Escola Infantil, e “pedíndolles que esa reunión sexa concedida á maior brevidade porque entendemos que este é un tema urxente que non pode esperar,” recalca o alcalde.
Publicidade
“O Concello faise cargo dalgunhas cuestións do mantemento ordinario da Escola Infantil mais outras problemáticas estruturais que presenta este edificio non son abarcables en solitario cos recursos cos que conta o Concello” sinala Carril e, engade, que “a Xunta de Galiza, como responsábel do servizo que presta a Escola Infantil, debe acometer melloras urxentes na Escola Infantil para garantir que as veciñas e veciños de Arzúa teñan ao seu alcance as mellores instalacións para a atención educativa e os coidados das súas fillas e fillos. Así llo fixemos saber xa por escrito ao Xerente do Consorcio e agardamos que isto poida ser pronto abordado unha reunión presencial e que con urxencia se acometan estas melloras”.
Comments