O 9 de maio volve a foliada a Touro coa IX Morada de Bama
- Laura Moure

- hace 30 minutos
- 2 Min. de lectura
A cita incluirá música, baile, cantina con comida e bebida, pulpeira, varios sorteos, un obradoiro de baile e xogos tradicionais para as crianzas
Laura Moure/Touro
A asociación A Pinguela de Bama no concello de Touro vén realizando dende o ano 2017 actividades vencelladas á posta en valor da música e o baile tradicional galego. Con preto de 90 alumnos e alumnas de todas as idades, na actualidade conta cunha escola de música e baile tradicional onde crianzas e maiores participan en clases de diferentes niveis de gaita, percusión (tambor e bombo), pandeireta e canto, baile, acordeón e debuxo
e pintura. E tamén organiza a Morada de Bama que este ano será o vindeiro 9 de maio.
Foi no ano 2022 cando o foliada que organiza pasou a denominarse a "Morada de Bama". As pescudas realizadas no marco do proxecto “Dende a cociña” sacaron á luz este termo, “morada”, para referirse a uns bailes con gaiteiros que tradicionalmente se facían a comezos do ano. Normalmente comezaban a finais de xaneiro, cando xa medraban algo os días, e duraban ata o Entroido, tal e como explica a asocación.

Estas festas tiñan lugar os sábados ou domingos pola tarde ao longo de varias semanas e nelas tocaba un grupo de gaiteiros, pagado co diñeiro que recadaban os mozos da parroquia (os panxoleiros) cando saían a cantar a Panxola e os Reis durante o Nadal.
"Temos documentado a realización de moradas (con esta denominación) nas parroquias de Bama e Loxo (en Touro) e tamén na parroquia da Lavacolla (Compostela) ata os anos 70. Algunhas fontes recentes subliñan que parte do declive e abandono destas festa foi a falta de mocidade (emigración interior a cidades) e a emigración exterior (a comezos dos 70 foi moita a xente de Bama que emigrou a Holanda, por exemplo)", engade o colectivo. Para non perder este termo (que non se recolle con este significado nos dicionarios) a asociación organiza a xa IX Morada de Bama, “a foliada de sempre con nome propio”.
PUBLICIDADE
Este ano continuará con esta tradición celebrando a IX Morada de Bama o sábado 9 de maio de 2026 no campo da festa de Bama (Touro) dende as seis da tarde. "Teremos música, baile, cantina con comida e bebida, pulpeira, varios sorteos, un obradoiro de baile con Rebeca Tallón e xogos tradicionais para as crianzas da man de Somos Enredos SL".
PUBLICIDADE
O prato forte son os os concertos dos grupos Pan Sen Fron e Comando Curuxás ao final da noite pero o torreiro xa estará botando fume despois das actuacións de varios grupos de afeccionados da contorna. Ademais dos diversos grupos da escola da Pinguela de Bama actuarán As do 20 (Arca, O Pino), Axóuxeres de Cornado (Cornado, Touro), No Deloiro (Lestedo, Boqueixón), A. C. Vivantes (Compostela) e Embruxo Gaiteiros (Ordes).








Comentarios