top of page

Nova Alternativa Vila de Cruces, novo partido que concurrirá ás eleccións municipais deste concello

Estará encabezada polo actual concelleiro do PP Manuel Souto e confórmana tamén outros edís que na actualidade ou no anterior mandato formaron parte do goberno popular


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

Nova Alternativa Vila de Cruces é o novo partido político que se presentará ás eleccións municipais deste Concello. É unha formación nova, pero que está formada por varias caras coñecidas, xa que estará encabezada polo actual concelleiro do PP Manuel Souto. Ademais, tamén se suma a esta lista o actual edil popular Diego Pallares ou Andrés Lareu que, como Souto e Pallares, formaron parte do goberno do exalcalde, Jesús Otero. Tamén figura nesta nova agrupación José Ramón Otero, que foi secretario persoal e xefe de gabinete do exmandatario.


Polo tanto, é unha formación nova, pero que está composta por membros que contan cunha gran traxectoria e experiencia na vida política cruceña.


Aquí a súa carta de presentación íntegra:

O contexto político do noso municipio mudou de xeito considerable nos últimos catro anos.

A inestabilidade política desta lexislatura, unida á existencia de personalismos que dificultan a conformación de pactos estables e duradeiros, levou á política municipal a un continuo tira e afrouxa que dificulta enormemente a xestión pública e a adopción de decisións no ámbito colectivo.


Ponse de manifesto que, ante o actual escenario, consideramos convinte a aparición na esfera política local dunha nova opción representativa, cunha mentalidade aberta e con capacidade de diálogo, que antepoña o interese cidadán ante outro tipo de intereses ou preferencias e que leve a cabo unha xestión responsable, seria e realista dos asuntos públicos.

Estas son as premisas das que partimos á hora de conformar esta nova agrupación política de ámbito local, alentados por unha preocupación crecente polo modo en que se están a xestionar os recursos con que conta o noso concello e a incidencia que isto vaia a ter no futuro para as xeracións vindeiras, así como en favor da rexeneración democrática e do respecto ás institucións públicas.


NOVA ALTERNATIVA nace entón co afán de normalizar o día a día da acción de goberno e de realizar unha xestión sensata, encamiñada ao mantemento, conservación e mellora dos servizos públicos municipais, ao tempo que se realicen actuacións e investimentos que poidan traer valor engadido e que repercutan nun aumento da actividade económica local; “non se trata de facer por facer, senón de facer para medrar en conxunto”.

Todo iso, aglutinando os maiores esforzos tanto propios coma doutras administracións para contrarrestar, na medida do posible, o abandono do territorio e o despoboamento, misión primordial de calquera forza política que pretenda gobernar no rural.


No equipo de persoas que conforman “Nova Alternativa” hai xente moza, xente de mediana idade, xente con experiencia no ámbito público, así como compañeiros que comezan a súa andaina da man deste novo proxecto. Tod@s, sen dilación, consideramos que a persoa idónea para liderar esta agrupación e para guiar a acción de goberno no presente e no futuro próximo do concello é o noso candidato, Manuel Souto López. En conxunto, un equipo, un candidato.


Agrupación de electores: Nova Alternativa


Os nomes dos compoñentes do grupo relacionados co orden que están na foto de esquerda a dereita son: Lara María Suárez Laso, Iria Álvarez Gómez, Manuel Camino Castro, José Manuel Rey Míguez, Vanesa Vázquez Gómez, José Manuel Míguez Lueiro, Marlene Gómez Ramos, Manuel Souto López, Andrés Lareu López, José Ramón Otero Rodríguez, Diego Pallares Santos, María Mosquera Blanco, Belén Guzmán Perdigao, Javier Otero Leis, Mirian Varela Blanco.

NOTICIA RELACIONADA:

O pasado xaneiro Souto xa anunciou que non iría en ningunha candidatura encabeza por Jesús Otero. A noticia no enlace: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-edil-cruce%C3%B1o-manuel-souto-anuncia-que-non-ir%C3%A1-en-ningunha-candidatura-que-encabece-jes%C3%BAs-otero

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page