top of page

Monterroso aproba "o maior orzamento de todos os tempos" por un importe de 3.528.520 euros

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Laura Moure/Monterroso

O Concello de Monterroso vén de aprobar "o maior orzamento da historia grazas ao apoio favorable do equipo de goberno", tal e como recalca o Concello. "Os principais obxectivos do orzamento son revitalizar o concello e mellorar o benestar dos monterrosinos para continuar pola senda do crecemento poboacional", sinala.

Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso.

Trátase, apunta, "dun orzamento adaptado á actual situación económica adaptando o gasto a unha subida xeneralizada de prezos imprevisible que xa houbo que soportar no 2022, pero creando e mellorando a prestación dos servizos públicos municipais, sen incrementar nin impostos nin o importe das taxas que por estes servizos satisfán os usuarios. Todo o contrario, eliminando algunha taxa como a de atención educativa na escola infantil e bonificando outros impostos".


E incide en que "é o maior orzamento dos últimos anos cun importe de máis de tres millóns e medio de euros (3.528.520,09 euros),o que supón un 123% de aumento respecto ao do ano 2022".


As principais políticas de gasto céntranse en servizos sociais e promoción social (721.125,77 euros (20,44%)), benestar comunitario (421.902,36 euros (11,96%)), seguridade e mobilidade cidadán (405.604,26 (11,50%)), fomento do emprego (352.591,55 (9,99%)), cultura (312.205,04 euros (8,85%)), educación (306.658,14 euros (8.69%)) e infraestruturas (254.365,30 euros (7.21%)).


"O orzamento aprobado avoga pola dinamización cultural e económica apoiando aos colectivos, empresas e autónomos, comerciantes e hostaleiros, así como asociacións municipais a través da dinamización económica, cultural e deportiva", recalca.


Subvencións a colectivos

Así dentro das transferencias correntes ou subvencións outórganse subvencións de xeito nominativo a SD Monterroso, Slalom Monterroso, club ciclista San Miguel, Padel Monterroso, club Petanca, a asociación da terceira idade, a asociación de pais do IES, coral Ecos da Ulloa, asociación sociocultural Falcatrueiros, asociación amas de casa e consumidores, asociación 25 Xastres, a ANPA do Colexio, ao propio colexio para actividades, ás comisións de festas das parroquias, a organización da festa da xuventude, a asociación Entropía Folk, a asociación de pescadores da Ulloa e a asociación Agrocuir da Ulloa por un importe total de 72.780 euros para a dinamización cultural e deportiva da vila.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

En inversións contémplanse partidas para o arranxo de vías municipais, a compra dunha varredora vial pola modalidade de leasing, o arranxo das instalacións da Cúpula, partidas para facer fronte a aportación municipal a investimentos doutras administracións como o Plan único e o plan de mellora de acceso a explotacións agropecuarias. Tamén se contempla a mellora do camiño de Santiago ao seu paso por Monterroso así como un montante de 58.000 euros para aportar ao convenio que se vai asinar nos próximos días coa consellería de Medio Ambiente para o humanización e rehabilitación da Área recreativa A Peneda.


A alcaldesa de Monterroso, Rocío Seijas, sinala que se trata dun orzamento "expansivo e que atende ás necesidades reais dos monterrosinos". Ademais destaca que se trata dun orzamento que "cumpre coa estabilidade e sustentabilidade financeira e que contención no gasto corrente é un dos principios que sempre rexeu a xestión diaria do equipo de goberno". Ademais fai fincapé en que tal e como se reflexa nas liquidacións dos orzamentos anteriores, "este orzamento verase incrementando gracias á xestión que día tras día levan ante outras administracións para acadar fondos e poder mellorar a vida dos monterrosinos".

Yorumlar


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page